Luns 20 de Agosto de 2018

O programa ‘Un mes e Pico’ ofrece este sábado unha conferencia de Rafael Quintía


A cita desenvolverase na Capela de San Sebastián ás 20.00 horas

Boqueixón, 7 de xuño de 2018. O programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro continúa este sábado 9 de xuño a súa andaina cunha conferencia na Capela de San Sebastián. Rafael Quintía –antropólogo profesional, escritor, documentalista e investigador- protagonizará a charla titulada O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro, que terá lugar ás 20.00 horas.

Segundo explica o propio Rafael Quintía, “nesta conferencia, faremos un percorrido polo significado e polos elementos máis característicos do mito dos mouros e da Moura galega. Falaremos da diferenza entre ambos os dous mitos, da función destes relatos, da súa orixe, das xeografías nas que se desenvolven e porémolos en relación coa rica mitoloxía que atesoura o Pico Sacro”.

A asistencia a esta actividade é totalmente gratuíta. Por cuestións de organización, as persoas interesadas en acudir á conferencia deberán formalizar a súa inscrición no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061) ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com.

Perfil de Rafael Quintía Pereira

Antropólogo, economista, escritor e documentalista; investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia de Galicia, as súas liñas de investigación céntranse, fundamentalmente, no patrimonio inmaterial. Os resultados do seu traballo de investigación nos eidos da antropoloxía e da historia víronse reflectidos na publicación de 12 libros, na realización de 8 documentais e en múltiples artigos e colaboracións. O seu labor investigador foi galardoado con catro premios de investigación e ensaio: Premio Ferro Couselo de Investigación (2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010).

Alén do seu traballo de investigación, formación e divulgación, ten participado como técnico en numerosos proxectos de posta en valor do patrimonio. Como antropólogo participou tamén en varias escavacións e campañas arqueolóxicas. É presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO).