Mércores 20 de Xuño de 2018

Alto índice de aprobados grazas ao ciclo de charlas de competencias clave e habilidades sociais


Máis do 97% de aprobados entre as persoas asistentes a esta iniciativa impulsada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes

O ciclo de charlas de apoio de cara á obtención das competencias clave e habilidades sociais de cualificación profesional levadas a cabo pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes deu os seus froitos. Tras a publicación das listas provisionais feitas públicas no día de hoxe, en conxunto hai que falar de máis do 97% de aprobados contabilizando todas as materias tratadas nos niveis 2 e 3 (lingua galega, lingua castelá e matemáticas). En total foron preto de 40 persoas de toda a comarca as que asistiron ás sesións impartidas ao longo dos meses de marzo, abril e maio. Un número que se incrementa considerablemente se se teñen en conta os expedientes tramitados dende o ente supramunicipal, e que nesta convocatoria superan os 75.

Persoal do CIM, do Servizo de Prevención de Drogodependencias e do Servizo de Normalización Lingüística foron as responsables de impartir as clases. O alumnado que acadou a dita titulación pode acceder directamente aos cursos impartidos polo INEM así como a outras opcións educativas e formativas de ensinanza regrada.

Ademais da Mancomunidade de Ordes nesta iniciativa participaron a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Fondo Social Europeo.

Deja un comentario