Martes 21 de Agosto de 2018

Susana García clausura o curso Xestión Integrada de Recursos Humanos


Constou de máis de 800 horas de formación tanto teórica como práctica

A concelleira de Traballo, Susana García, clausurou o curso Xestión Integrada de Recursos Humanos, no que participaron un total de 15 persoas. Este arrancou o pasado mes de outubro e dende entón impartíronse un total de 808 horas de formación tanto teórica como práctica en empresas. Esta nova iniciativa levouse a cabo conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello de Ordes.

“Con este curso dende o Concello de Ordes seguimos dando pasos en prol da formación como a medida para a inclusión laboral dos nosos veciños e veciñas”, manifestou Susana García tras a entrega de certificacións e diplomas ao alumnado do curso. “Iniciativas deste tipo non só vos brindan a oportunidade de adquirir coñecementos, senón tamén experiencia no ámbito laboral, aspecto altamente valorado por parte das empresas que buscan novos traballadores e traballadoras para os seus equipos”. A edil desexoulles sorte a todos e todas e reafirmouse no compromiso de “seguir traballando para que a veciñanza de Ordes poida ter opcións a iniciativas formativas deste tipo”. Por último lembroulles a posibilidade de valerse dos departamentos de Emprego tanto do Concello de Ordes como da Mancomunidade de Ordes.

Tras superar as probas avaliativas os alumnos e alumnas obtiveron a certificación oficial de profesionalidade nivel 3. Unha titulación que lles posibilita realizar funcións de persoal técnico superior en recursos humanos, técnico medio en relacións laborais, empregado administrativo de servizos de persoal e administrativo do departamento de recursos humanos, responsable de persoal en PEMES, xestor de nóminas e técnico de recursos humanos.