Mércores 17 de Outubro de 2018

O Concello de Boqueixón conclúe nos centros educativos de Vedra o programa de Prevención de condutas adictivas que coordina


Medio cento de alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria participaron nas sesións de adestramento en habilidades sociais

O Concello de Boqueixón vén de finalizar as actividades do programa Saúde na escola e intervención socioeducativa nas aulas. Esta iniciativa inclúese no Proxecto de prevención de condutas adictivas, cofinanciado pola Consellería de Sanidade, coordinado polo departamento de Educación boqueixanés e que incluíu a catro municipios da bisbarra compostelá –Boqueixón, Teo, Touro e Vedra-.

Arredor de medio cento de alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria do CPI de Vedra e de 5º e 6º de EP do CEIP Ortigueira participaron nos distintos obradoiros de adestramento en habilidades sociais impartidos nas aulas. As sesións foron impartidas por persoal do Servizo de prevención de condutas adictivas.

Estas actividades realizáronse de xeito complementario á actividade educativa do centro. Entre os principais contidos tratados atópanse estilos de comportamento, asertividade, comunicación verbal e non verbal, empatía, escoita activa e control da ira.

O Proxecto de prevención de condutas adictivas pretende evitar o desenvolvemento e consolidación de diversas adiccións (consumos problemáticos de drogas, abuso das novas tecnoloxías…) reducindo a incidencia de problemas sociosanitarios relacionados e promovendo a adopción de estilos de vida saudables entre os adolescentes. As sesións desenvolvidas en Vedra tamén se realizaron durante o presente curso noutros centros educativos dos municipios de Boqueixón, Teo e Touro.