Venres 19 de Outubro de 2018

A Mancomunidade de Ordes súmase ao programa xuvenil Galeuropa


Por segunda vez o Pleno acordou a inclusión nesta iniciativa que posibilita a 20 mozos e mozas estancias de tres meses en Holanda, Reino Unido e Italia para a mellora de idiomas e a práctica laboral en empresas de distintos ámbitos e sectores. Dende hoxe mantense aberto o período informativo

O Pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou na sesión correspondente a este mes de xuño a súa participación no Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil ‘Galeuropa’ 2018. Unha iniciativa dirixida ás persoas de 18 a 30 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

Poderán beneficiarse desta nova convocatoria un total de 20 mozos e mozas da comarca, a quen se lles brinda a oportunidade de aprender idiomas e realizar prácticas en empresas de distintos ámbitos e sectores durante un período de 3 meses. En total serán 100 horas mensuais destinadas ao ámbito laboral, ademais das que se programarán para a aprendizaxe do idioma. Os países aos que se poderá optar nesta ocasión serán Reino Unido (Derry), Holanda (Leeuwarden) e Italia (Turín), tendo cubertos os gastos de aloxamento, manutención e transporte.

Tanto no Servizo de Emprego como o Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes, departamentos responsables da posta en marcha e desenvolvemento do dito programa na comarca ordense, pódese solicitar información no que se refire ás axudas individuais como ás outorgadas por administracións locais ou mancomunadas. Basta con chamar aos teléfonos 607642863 e 981680679, ou ben mediante o correo electrónico galeuropa@mancomunidadeordes.org.

Entre outros as persoas demandantes terán que cumprir os requisitos de non ter traballado nin recibido accións educativas nin formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación. Tampouco poderán participar as persoas que resultaran beneficiarias en convocatorias anteriores do programa.