Sábado 20 de Outubro de 2018

O PSOE de Trazo critica a prepotencia e desidia do alcalde, que nin se molestou en levar ao pleno a proposta socialista para o POS 2015


Os socialistas presentaran en tempo e forma unha escolma dos proxectos máis demandados polos veciños e veciñas de Trazo

O grupo municipal socialista de Trazo critica “a prepotencia e a desidia do alcalde Xosé Dafonte, que nin se molestou en levar ao pleno a proposta de obras presentada polos socialistas para o POS 2015”, denuncia a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez. Os socialistas de Trazo lamentan que, un ano máis, “o señor Dafonte prefira ignorar as necesidades dos seus veciños” e critican especialmente que se destinen 36.000 euros para gasto corrente.

“Non deixa de ser chocante que o señor alcalde presuma de que ten un Concello saneado pero despois lles quite investimentos aos veciños para cubrir gasto corrente”, sinala Beatriz Domínguez. Pese a todo, os socialistas de Trazo votaron a favor da proposta presentada pola Alcaldía.

Proposta socialista

Os socialistas de Trazo presentaran sete actuacións seleccionadas entre as máis demandadas polos veciños e veciñas do municipio e que inclúen arranxo de pistas, saneamento, acondicionamento de centros sociais e melloras na seguridade viaria no municipio. Así, os socialistas de Trazo solicitaban un plan especial de sinalización viaria en todo o municipio, así como actuacións para mellorar a visibilidade nalgúns cruces debido ao pésimo estado de conservación tanto da sinalización vertical como horizontal, que poden causar calquera accidente de tráfico. Ademais, para mellorar a seguridade viaria dos peóns, o PSOE de Trazo tamén solicitaba algunha senda peonil nas parroquias e se melloren as beirarrúas en Viaño Pequeno e o Candendo (Campo).

En canto a mellora de estradas, os socialistas propoñían a mellora do vial A Noia-A Igrexa (por Costa de Cabra-Xavestre) e a ampliación dun camiño entre Combel de Abaixo (Xavestre) e o campo de tiro “Río Sar”. Ademais, solicitaban a mellora de dous camiños na parroquia de Campo: o asfaltado da pista San Pedro-Rosende e un bacheo con zahorra para a pista de Sartegos a Alargo. Finalmente, os socialistas pedían o saneamento das augas na Igrexa de Xavestre e o acondicionamento dos centros sociais das parroquias que máis o precisen, como é o caso de Restande.