Luns 24 de Setembro de 2018

RENFE acepta a reconfiguración de horarios proposta polos concellos da zona do Ortegal


A Casa do Concello de Moeche acolleu esta mañá unha nova xuntanza de traballo entre representantes municipais, da Xunta e de RENFE para perfilar os novos horarios da liña que une Ferrol con Ortigueira. Ao cabo do encontro, a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, manifestou a súa satisfacción porque se tiveran aceptado as propostas formuladas polos municipios, aínda que tamén criticou a ausencia no encontro de ADIF -responsable do mantemento da infraestrutura ferroviaria- e a falla de resposta por parte da presidencia da Xunta ante a solicitude dunha reunión urxente cursada a mediados de maio.

Na xuntanza desta mañá RENFE tería aceptado o mantemento do tren das 13.00h. de Ferrol a Ortigueira e recuperar a proposta formulada polos municipios dunha liña que saia de Ortigueira ás 15.00h. con destino á cidade departamental. Ademais, o tren de primeira hora da mañá que partía de Cerdido farao agora desde Ortigueira entre as 6.15 e as 6.20h., co obxectivo de que poida estar en Ferrol antes das 8.00h. Por outra banda, a empresa volveu confirmar a modificación da liña de primeira hora da tarde -a máis utilizada polo estudantado-, que retrasará a súa saída ata as 14.45h. ampliando o seu percorrido tamén ata Ortigueira, posto que neste momento só chegaba ata San Sadurniño.

Beatriz Bascoy informou á saída da reunión que a relación definitiva de horarios lles será trasladada agora ao resto de rexedores da zona e que, segundo trasladou RENFE, os cambios se farán efectivos a partir de setembro. A rexedora de Moeche destacou a “boa disposición” da empresa ante as demandas formuladas de xeito colectivo polos concellos integrados na Plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo. “A iniciativa e a presión da plataforma e dos concellos de Ferrolterra e o Ortegal levou a que RENFE se comprometese a mellorar o servizo coa variación de horarios e licitando cuestións como o amaño integral das máquinas ou o adecentamento de estacións”, asegurou Bascoy ao tempo que lamentou, como “parte negativa” a ausencia de ADIF na xuntanza. “Todos sabemos que gran parte das avarías e a suspensión dos servizos son responsabilidade de ADIF”. Segundo a alcaldesa hai traxectos que acumulan ata media hora de retraso e a administradora da infraestrutura “continúa sen poñerlle remedio ao problema básico da fiabilidade do servizo”.

Por outra banda, se ben esta mañá á reunión con RENFE acudiu unha técnica en representación da Consellería de Infraestruturas, a alcaldesa lamenta que o gabinete do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aínda non respondese á solicitude dun encontro urxente cos alcaldes para falar do tren. “Non houbo ningún tipo de resposta. Hai un silencio cómplice neste tema. Ou non ven o problema ou non hai interese en atendernos”, afirma Beatriz Bascoy. “Sabemos que non é unha competencia da Xunta, pero iso non é desculpa. Entendemos que o goberno da Comunidade Autónoma ten que sentar con nós e ir con nós a onde faga falla para reclamar un servizo básico para a comarca”, engadiu. Beatriz Bascoy informou que lle trasladará “esta falta de resposta” ao resto de rexedores para acordar nun prazo de “non máis dunha semana” cales serán as medidas para adoptar ao respecto.