Martes 21 de Agosto de 2018

Un total de 29 artistas participan esta fin de semana en Brión no “XIII Encontro coa Arte”, que xirará en torno a María Victoria Moreno


Incluirá sesións de pintura ao natural, un concurso de debuxo, un mercado da arte e a inauguración da exposición do XII Encontro coa Arte “Lembrando a Carlos Casares”

Un total de 29 artistas, tanto galegos como doutros puntos de España, participarán no “XIII Encontro coa Arte. Lembrando a María Victoria Moreno”, que terá lugar en Brión do 15 ao 17 de xuño. Tres días nos que pintores, fotógrafos, músicos e escritores homenaxearán á autora distinguida este ano no Día das Letras Galegas e compartirán as súas técnicas e coñecementos entre eles e coa veciñanza.

Estes Encontros son unha oportunidade única para contemplar en vivo o traballo de grandes creadores como Manuel Ayaso, Xosé Vizoso, Enrique Ochotorena, Luís Romero ou María Manuela, entre outros. Cun lenzo en branco, cada un dos artistas improvisará o seu particular estudio ao aire libre para traballar durante unhas horas de cara ao público. Estes obradoiros de pintura ao natural terán lugar no Adro da Igrexa de Bastavales (venres 15, de 16:30 a 19:00 horas) e na contorna do Río Pego (domingo 17, de 10:00 a 13:30 horas).

Ademais, paralelamente terán lugar diversas actividades culturais abertas a toda a veciñanza como a visita teatralizada “Rosalía en Bastavales” a cargo do grupo Os Quinquilláns. Será o venres 15, ás 19:00 horas, no Adro da Igrexa de Bastavales. E ás 21:30 horas, a sala municipal de exposicións acollerá a inauguración da mostra coas obras doadas na anterior edición destes encontros: “XII Encontro coa Arte: Lembrando a Carlos Casares”. Un acto que contará coa actuación especial de Campo de Estrelas.

Concurso de debuxo

Como novidade, este ano todos os rapaces e rapazas de entre 4 e 17 anos que desexen compartir xornada de pintura con estes grandes artistas poderán facelo participando no II Concurso de Debuxo e Pintura, que terá lugar de 16:30 a 19:00 horas no Adro da Igrexa de Bastavales. Haberá tres categorías e as obras poderán ser realizada con total liberdade de técnicas, materiais e temática, sempre que se presenten nun tamaño non inferior a un folio DIN A4.

Haberá tres premios para cada unha das categorías consistentes en vales de 50, 30 e 20 euros para libros, xogos ou material escolar. Os premios entregaranse ese mesmo venres durante a inauguración da exposición coas obras doadas no XII Encontro coa Arte “Lembrando a Carlos Casares”.
Artistas participantes

Durante toda a fin de semana, no centro social polivalente estará aberto un Mercado da Arte onde o público que o desexe poderá visitar unha galería de arte con obra dos distintos artistas participantes á venta, canda unha exposición dos traballos dos Obradoiros de Pintura e Manualidades 2017-2018. O Mercado da Arte estará aberto o venres 15 (16:30 a 20:30 horas), o sábado 16 (de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas) e o domingo 17 (de 9:30 a 14:00 horas).

Os 29 artistas participantes nesta edición son: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Enrique Ochotorena, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Javier del Valle, José A. Regidor, José Galarzo, José Mª Ysmer, Laureano Vidal, Luís Romero, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro, Xosé Vizoso e Yolanda Carbajales.