Mércores 17 de Outubro de 2018

O Concello de Noia conmemorará o Día Mundial do Medio Ambiente este sábado 16 de xuño na explanada de Labarta


Haberá obradoiros de reciclaxe, circuíto de karting, inchables deportivos, photocall con tizas e Día da Bici nun programa que xirará en torno á redución da contaminación por plásticos

O Concello de Noia conmemorará este sábado 16 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente cunha serie de obradoiros e actividades que terán lugar na explanada de Labarta baixo a lenda “Sen contaminación por plástico”. Unhas actividades que tiveron que ser atrasadas por mor das choivas desta pasada fin de semana e que agora se trasladan tamén de lugar para non coincidiren coa VI “La Feira”.

A xornada comezará ás 10:30 horas cun circuíto de Karting, que se verá complementado cun circuíto de seguridade viaria, que terá lugar de 16:30 a 19:30 horas. Entre as 11:00 e as 14:00 horas terán lugar un obradoiro de reciclaxe e unha sesión de photocall con tizas, na que os participantes escribirán mensaxes contra o consumo de plásticos e a prol da conservación da natureza.

Pola tarde, a explanada de Labarta unha serie de inchables deportivos así como unha nova edición do Día da Bici, que terá lugar de 18:00 a 19:00 horas. Por motivos de seguridade, dende a Concellería de Medio Ambiente recomendan non participar con bicicletas de rodiñas.

Toda a xornada xirará en torno ao tema que este ano escolleu a ONU para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente: sen contaminación por plástico. Neste sentido, a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, explica que “durante as actividades trasladaremos mensaxes a favor de non utilizar plásticos e, se non podemos evitalo, informaremos sobre como reciclalos de forma axeitada. O obxectivo é camiñar xuntos cara un planeta e unha vila máis limpos e verdes”.