Venres 17 de Agosto de 2018

Veciños e veciñas de Frades asisten a unha charla na que aprenderon medidas de aforro na factura da luz


Unha vintena de veciñas e veciños de Frades asistiron á charla informativa “Interpretar a factura da luz”, organizada polo Concello de Frades e a ONG Mestura e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo. Unha charla gratuíta impartida por Alexia Peteiro Mata, da Fundación Gas Natural Fenosa no multiúsos de Frades e introducida polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro.

Durante hora e media, os veciños e veciñas de Frades recibiron información sobre eficiencia enerxética e optimización de facturas, que puideron aplicar sobre as súas propias facturas. Así, Alexia Peteiro explicou posibles medidas de aforro enerxético e respondeu as dúbidas plantexadas pola veciñanza sobre as súas respectivas facturas.

Este é o cuarto curso que o Concello de Frades organiza este ano en colaboración coa ONG Mestura, despois dos cursos “Manexo de tablets e móbiles”, “Control do estrés e ansiedade” e “Filigrana e complementos decorativos do fogar”. Todos eles foron de participación gratuíta, xa que foron financiados pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.