Martes 11 de Decembro de 2018

As tribus celtas iluminarán as rúas do casco histórico de Santiago coa Ofrenda do Lume Sagrado o venres 22 de xuño


A iniciativa está organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración co compostelán e coa Asociación Cultural Fervenza do Castro de Callobre

As rúas do casco histórico compostelán iluminaranse na noite do venres 22 de xuño coa Ofrenda do Lume Sagrado. Esta cita, organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración co de Santiago e coa Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada), ofrecerá unha recreación da tradición pagá coa que se daba a benvida ao solsticio de verán.

A actividade foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, e dúas das personaxes que participarán nesta representación, a Raíña Alda e o Druída. Estes dous últimos son Gumersindo Pereiras e Montserrat Torres, respectivamente, membros da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre.

Fernández Munín agradeceu a “colaboración tanto do Concello de Santiago como da Asociación Fervenza do Castro de Callobre na posta en escea desta recreación”. O rexedor explicou como se desenvolverá esta actividade, encadrada dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e da Sacralidade do Pico Sacro, que oferta diversas propostas ata o próximo 29 de xuño. Precisamente un dos actos centrais será esta Ofrenda do Lume Sagrado en Santiago.

“A comitiva, liderada pola Raíña Alda e polo Druída, darase cita na Carballeira de Santa Susana, na Alameda de Santiago, ás dez da noite. Dende alí comezará un vistoso desfile polas rúas do Casco Histórico, que cobrarán luz cos fachos do lume sagrado levados polas tribus celtas de Boqueixón e Callobre”, explicou. O percorrido realizarase por Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Rúa de Xelmírez, Rúa da Conga, Praza de Feixóo, Rúa do Preguntoiro, Cinco Rúas, Rúa do Castro, Praza da Universidade e finalizará na Praza de Mazarelos arredor das 22.30 horas.

En verbas da Raíña Alda, “unha vez alí, declamarei, ante o meu pobo e ante todas as persoas asistentes, a Alegoría do Lume. Concluirei esta cerimonia coa entrega do Lume Sagrado a esta cidade que servirá para iluminar as cacharelas de San Xoán coas chamas máis purificadoras”.
Cerimonia do Lume Sagrado, este domingo

O Lume Sagrado que se ofrecerá en Santiago será acendido previamente o 17 de xuño ás 13.00 horas no Pico Sacro. Sobre esta cuestión falou o Druída, quen será o encargado de completar este rito.

Centos de persoas daranse cita este domingo no cumio do Monte Sagrado, onde o Druída se encargará, segundo explicou hoxe, “de preparar o pebeteiro no que arderán estas chamas coas que recibiremos o Solsticio de Verán. Este lume crearase cunha base de ramaxe seca que faremos arder mediante unha lente que serve para concentrar a luz solar nun único punto”. Deste xeito, unirase “o simbolismo da natureza, representado polo Pico Sacro, e a forza do Sol nun elemento único: o lume purificador. Un lume co que tamén celebramos o triunfo da luz ante a escuridade, o ben ante o mal…”, concluíu.

O alcalde de Boqueixón animou á veciñanza e visitantes a asistir a estas dúas representacións. Incluso hai a posibilidade de participar nas mesmas coma voluntarios ou voluntarias. Dende a organización proporcionaranse as vestimentas propias e daranse as indicacións pertinentes para seguir tanto a cerimonia coma a ofrenda do Lume Sagrado.

Para poder participar como voluntario ou voluntaria, as persoas interesadas deberanse poñer en contacto co Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón. Pódese realizar a través do teléfono 981 513 061 ou enviando un correo electrónico a boqueixonturismo@gmail.com.