Luns 24 de Setembro de 2018

Ordes, sede do curso de monitor de fútbol base da RFGF


Desenvolverase do 4 de xullo ao 3 de agosto nas instalacións de Vista Alegre

Esta mañá tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ordes a presentación do curso de monitor de fútbol base organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF). O acto estivo encabezado por Ana Soneira, concelleira de Deportes; Juan Luis Villamisar, vicepresidente da RFGF; Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores; e Antonio Vázquez, secretario da S.D. Club Órdenes.

O curso, de 65 horas en total, desenvolverase dende o 4 de xullo ao 3 de agosto nas instalacións deportivas de Vista Alegre, nun horario que vai dende as 19.30 ás 22.30 horas. As sesións, tanto teóricas como prácticas, terán lugar de luns a xoves, estando tamén programados outros dous venres e un sábado (10-13h). O obxectivo máis inmediato desta nova convocatoria, a segunda que se desenvolve en Ordes, pasa por completar a formación dos monitores de fútbol base de cara á obtención do diploma federativo. Cada alumno adquirirá os coñecementos e habilidades necesarios para desenvolver o seu labor de maneira profesional, sempre grazas á adquisición dun grao elevado de competencia técnica e profesional.

A titulación expedida vén avalada pola Escola Nacional de Adestradores da Real Federación Española de Fútbol. Ensinanza técnica, adestramento de porteiros, evolución do fútbol, creación de equipos, periodización, filosofía didáctica do fútbol, orientación aos xogadores, psicoloxía, ética deportiva, liderado, xestión do club, tecnoloxía futbolística, regras do xogo, fisioloxía, nutrición e medicina son as materias que se traballarán tanto por parte do corpo de profesionais da propia RFGF como doutros da zona.

Entre os requisitos que se deben cumprir para poder acceder ao dito curso están os de ter 16 anos cumpridos e estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou título oficial equivalente segundo o plan de estudos da persoa aspirante. Ademais deberá efectuar a inscrición durante o prazo correspondente a través do formulario en liña que nos vindeiros días se colgará na páxina web da RFGF (www.futgal.es), así como o pago correspondente da cota, a cal ascende a 150 €.

Na posta en marcha deste curso colaboran tamén o S.D Club Órdenes e o Concello de Ordes.