Domingo 18 de Novembro de 2018

Máis orzamento e trámites simplificados nas bolsas de comedor, actividades extraescolares e compra de material escolar


A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde presentou hoxe a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar a realización de actividades extraescolares. Concha Fernández salientou que “de cara ao próximo curso incrementouse novamente a dotación orzamentaria das axudas, ata 586.000 euros, e volveuse apostar pola simplificación dos trámites para que as familias non teñan dificultades para optar ás bolsas”. O prazo para presentar as solicitudes comezará ao día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A concelleira lembrou que as bolsas están dirixidas ás unidades de convivencia familiar con menores escolarizados en centros de Educación Infantil e Primaria sostidos con fondos públicos. Concha Fernández explicou que, como o ano pasado, haberá dúas modalidades de bolsas: as que se conceden a familias con escaseza de recursos económicos, que poden ser axudas para o comedor, as actividades extraescolares, ou a compra de material escolar; e as bolsas que se outorgan por razóns de conciliación da vida laboral e familiar, e que se limitan ás bolsas de comedor. A concelleira insistiu en que este é “un programa igualador de oportunidades, porque garante o dereito á educación con independencia das cuestións económicas e de conciliación laboral”. Para Concha Fernández, “é importante que estas axudas se outorguen a cuestións básicas como a alimentación, pero tamén a outros aspectos como o das actividades que son fundamentais para fomentar a convivencia e darlles as mesmas oportunidades a todos os nenos e nenas”.

Máis orzamento e máis axudas
O orzamento destinado este ano á convocatoria é de 586.000 euros, fronte aos 500.000 euros do curso pasado. Concha Fernández lembrou que “nos últimos anos temos incrementado notablemente a contía, dende os 135.000 euros que estaban orzados para estas axudas polo anterior goberno en 2015”. A concelleira mostrouse convencida de que “deste xeito poderemos atender todas as demandas existentes e atender algunhas novas”.

Este ano, as bolsas de comedor escolar na modalidade de escaseza económica serán dunha cantidade fixa de 90 euros mensuais, salvo que o importe a abonar pola familia sexa menor. Ata o de agora, outorgábanse axudas dun 90% do custo do comedor, ata un máximo de 90 euros. No caso das bolsas de comedor por motivos de conciliación, o importe será de 45 euros mensuais, e concederanse 70 bolsas, 20 máis que neste curso.

En canto ás bolsas para actividades, serán de 30 euros mensuais, e as axudas para a compra de material realizaranse nun pago único de 60 euros.

Trámites simplificados
A concelleira de Políticas Sociais salientou tamén o esforzo feito polo departamento para simplificar a documentación que se precisa para solicitar as bolsas. Nesta convocatoria só se require presentar o impreso, a fotocopia de DNI ou pasaporte en vigor, un impreso de autorización para consulta nas diferentes administracións de datos persoais, e os xustificantes de ter feita a preinscrición ou reserva de praza e de ter reserva de praza nos comedores escolares. No caso das actividades extraescolares, o xustificante de reserva poderase presentar ata o 10 de outubro, porque é nese mes cando adoitan definirse as actividades.

O prazo para solicitar as bolsas é de 15 días hábiles, dende o día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Bolsas da pasada convocatoria
Concha Fernández explicou que para o presente curso concedéronse un total de 1.020 bolsas e tramitáronse 586 expedientes. En concreto, concedéronse 438 bolsas de comedor escolar por escaseza de recursos, e 50 por motivo de conciliación; 392 axudas para actividades extraescolares, e 139 bolsas para adquisición de material escolar.