Sábado 21 de Xullo de 2018

Un total de 26 alumnos e alumnas de 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame celebran o seu acto de gradación


Ao acto asistiron a alcaldesa, Teresa Villaverde, e a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo

Un total de 26 rapaces e rapazas de 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro (Lousame) celebraron o seu acto de gradación e despedida do centro despois de 13 anos nel. Un emotivo acto ao que asistiron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, quen estiveron acompañadas pola directora do centro, Pilar Cobas, así como por case un cento de persoas, entre profesorado, familiares e alumnado doutros cursos.

Teresa Villaverde foi a encargada de abrir o acto, que tivo lugar no ximnasio do CPI Cernadas de Castro. A alcaldesa de Lousame agradeceu o traballo levado a cabo polas familias e polo profesorado na formación destes 26 rapaces e rapazas dos que dixo que “neste centro, ademais de coñecementos, fixéronvos mellores persoas. Non perdades nunca a ilusión e as gañas de aprender, xa sexa no Bacharelato, na Formación Profesional, pero nunca deixedes de formarvos”.

Así mesmo, Villaverde Pais convidou a estes 26 rapazas e rapaces a “participar na vida social de Lousame. Nunha asociación, nun club, como voluntarios… queremos que aportedes ideas porque sodes as persoas que ides crear unha sociedade máis igualitaria, respectando as diferenzas de cada un”.

Unhas afirmacións nas que incidiu Domingo López Caamaño, titor do grupo que se gradúa hoxe, quen tras pedirlles que manteñan a curiosidade, aconsellounos: “o futuro trae aventuras pero tamén problemas. O importante é sacarlle o positivo ás primeiras e saber enfrontar as segundas. Poñede paixón no que facedes e aproveitade as emocións do día a día”.

Tras a proxección de dous vídeos sobre a viaxe de fin de curso a Andorra e unha retrospectiva elaborada polo profesorado, pechou o acto a directora do centro, Pilar Cobas, quen lles lembrou que “vivides en Galicia. Procededes dun grupo de rebeldes ou, como eles se chamaban, inadaptados. Facede coma eles e vencede ao inconformismo loitando polo que credes”. O acto rematou cunha emotiva entrega de diplomas e unha foto de grupo a todos os graduados/as, que responderon por sorpresa cunha rosa para cada un dos seus profesores e profesoras.