Sábado 15 de Decembro de 2018

A oficina de asesoramento catastral do Concello de San Sadurniño recibe unha media de 30 consultas diarias


O Concello de San Sadurniño puxo en marcha hai exactamente unha semana un servizo de asesoramento para aquelas persoas que recibiran cartas do Catastro referidas á regularización de oficio dos seus bens emprendida por este organismo dependente do Ministerio de Facenda. A oficina está aberta ao público ao carón do salón de plenos os luns, mércores e venres en horario de 10 a 15.00h. e desde que chegaron as primeiras notificacións xa levan atendidos arredor dun cento de casos de todo tipo. Alfonso Rodríguez -un dos técnicos encargados de asesorar á veciñanza- insiste na importancia de pasar por alí para analizar as cartas remitidas polo Catastro, xa que en moitos casos conteñen datos erróneos, altas que non se corresponden cos usos reais dos bens regularizados e incluso descricións equivocadas que incrementan os valores. Ademais, segundo a experiencia acumulada por Rodríguez a raíz do traballo feito noutros concellos, “entre un 80 e un 90%” das alegacións que se presenten neste momento -ata 15 días despois de recibir a notificación- son aceptadas.

O técnico comenta que o proceso ao que se está sometendo San Sadurniño “é unha actualización para dar de alta construcións que non formaban parte das bases de datos catastrais, tales como construcións agrícolas e gandeiras que antes estaban exentas, ou outro tipo de construcións como poden ser garaxes ou galpóns, ou vivendas que non tributaban ou que tributaban indebidamente. Hai xente que fixo ampliacións, xente que cambiou o tellado…”. Rodríguez explica que o denominado “catastrazo” é froito dunha lei publicada polo Goberno estatal en 2012 que debería terse rematado de executar en 2016, pero que, finalmente, “foise prorrogando e vai acabar agora”. San Sadurniño é, de feito, “un dos últimos concellos que saíron publicados no BOE e en todos o proceso rematarase en xullo”.

O técnico critica que o traballo de campo subcontratado polo Catastro para a regularización se fixese “a ollo” e dunha forma “non demasiado seria”, principalmente polas imprecisións e erros que contén, mesmo nas superficies. “A teoría era que había que ir por todas as fincas falando coa xente e preguntando polas construcións, se se fixeran reformas… pero todo iso ao final non se fixo. Fixéronse unhas fotos que en moitos casos están cambiadas e comparáronse coas da base de datos do Catastro e aí ves os cambios que se produciron: cambios de fiestras, de tellado, carpintarías… Compararon foto vella coa nova e despois, se non é así, es ti quen tes que facer unha reclamación de que non fixeches esa reforma -no caso de que se trate dunha reforma-”.

Entre as comunicacións catastrais revisadas nos últimos días hai casos moi diversos, como por exemplo o de persoas ás que lles mandan notificacións sobre bens que non son da súa propiedade, aínda que tamén se repite con frecuencia “meter como almacén construcións para uso agrícola, ou meter como garaxe o que ti usas para gardar o tractor, que ten unha finalidade agraria e, polo tanto, unha cualificación e un valor moito máis baixo. Tamén hai superficies que non están ben, domicilios que veñen mal, bens que están aínda de nome de avós ou de pais…”

“O que ten que ter claro a xente -prosegue Alfonso Rodríguez- é que coa carta que che chega non sabes nada. Sabes unicamente o número de construcións e a superficie pola que quedas tributando, pero non sabes polo que tributabas antes, é dicir, non sabes o que che engadiron con esta regularización porque non vén diferenciado”. Neste sentido é importante fixarse no código CSV que acompaña o escrito do Catastro. Son un conxunto de letras que deben introducirse na web do organismo para poder ver o expediente completo e saber os motivos da regularización. Un trámite que non todo o mundo é capaz de facer por si.

Aí entra o servizo de asesoramento contratado polo Concello, especialmente útil para persoas de avanzada idade ou que non se entenden ben coas novas tecnoloxías. “A quen non se manexa con internet o traballo facémosllo nós gratuitamente. Imprimímoslle nós a documentación e explicámoslles un pouco que construcións lles deron de alta: un galpón, un garaxe, unha construción agraria. En moitos casos as medidas non coinciden e, independentemente de que a superficie estea ben ou mal, hai que pagarlle ao Catastro os 60€. Estes son unha taxa que non repercute no concello para nada”. O único xeito de librar do pagamento é “que ti demostres que [o ben] non é teu ou que non reformaches nada. Ti tes que demostrar dalgunha maneira que non se fixo nada”.

E para iso hai que alegar, sempre que haxa motivos para facelo. E é que o especialista tamén lembra que a taxa da regularización “é por non ter actualizado o Catastro, por non ter dado de alta no seu día unha construción, sexa porque non tributaba ou pola razón que sexa. Despois dunha reforma hai que comunicarllo ao Catastro nos dous meses seguintes”.

A este respecto, Rodríguez sinala que non todas consultas atendidas nos últimos días remataron en alegación, que se pode rexistrar directamente no Concello con destino á Dirección Xeral do Catastro: “houbo xente que veu, revisamos o expediente e optou por non reclamar. Tamén houbo casos coma o dunha persoa á que lle comunicaron o cambio do tellado -unha das reformas que máis soben o valor catastral dun inmoble- cando o único que fixera fora pintar a uralita. Pola experiencia que temos doutros concellos, o normal é que este tipo de alegacións se acepten nun 80 ou un 90%”. Iso si, de alegar, mellor facelo neste momento, sen deixar que pase o prazo de 15 días despois de recibir a notificación. “Se deixas pasar este prazo e despois queres alegar xa é máis difícil, terás que demostralo doutra maneira, cun informe técnico, etc.”

Desde a empresa de asesoramento catastral tamén se recorda que a regularización dos bens ou das súas modificacións ten máis implicacións económicas que o pagamento dos 60€. “O Catastro pónche unha data de construción normalmente a ollo. E os anos que teñas atrasados tes que pagalos, aínda que máis de 4 anos non che poden cobrar, con excepción das instalacións agrícolas, ás que só se lles meten dous anos. A quen non faga as alegacións hanlle vir os atrasos no prazo de dous ou tres meses. No momento en que se presenta a alegación o expediente queda paralizado a efectos de cobro e, logo, unha vez que se resolva, terás que pagar ou non. Se non alegas nin tampouco pagas, despois terás que asumir un recargo ”.

Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral do Catastro, a San Sadurniño enviáronse preto de 700 notificacións de regularización de oficio. O servizo de asesoramento gratuíto facilitado polo Concello funciona os luns, mércores e venres de 10 a 15.00h. Está atendendo unha media de 20-30 consultas diarias e desde a oficina aclárase que non todas as regularizacións pasarán por alí, posto que hai xente que non desexa presentar alegación e tamén hai moita que o fai pola súa conta, xa sexa accedendo ao expediente desde a casa ou botando man dun asesoramento distinto do ofrecido polo Concello.