Luns 24 de Setembro de 2018

Ordes, Frades e Mesía asinan o acordo para a solicitude do obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo


Serán nove meses no que un grupo de 20 alumnos-traballadores desenvolverán tarefas de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, así como actividades auxiliares en conservación e mellora de montes

Esta mañá os concellos de Ordes, Frades e Mesía ratificaron o acordo da xestión compartida de cara á solicitude á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a posta en marcha do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo, ao abeiro da orde do 4 de maio de 2018 (DOG núm. 97, do día 23 de maio de 2018). Unha iniciativa formativa-laboral cun prazo de duración de 9 meses, que se desenvolverá no ámbito territorial dos tres municipios. Así o asinaron esta mañá os alcaldes José Luis Martínez Sanjurjo (Ordes), Roberto Rey (Frades) e Mariano Iglesias (Mesía), no salón de plenos do Concello de Ordes. Un compromiso baseado na colaboración interadministrativa, o que minora considerablemente os custos da prestación do servizo.

Concretamente o obradoiro centrarase en dúas especialidades do eido forestal: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Na zona de Ordes están previstas actuacións en: parcela municipal do parque empresarial de Merelle (Nº 85), parque Félix Rodríguez de la Fuente, rúa Nova, Campo da Feira, CEIP Castelao, CEIP Campomaior, área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, contorno capela de San Pedro-Adrán, entorno dos Marchás-Vilamaior e campo de Fútbol de Barbeiros. En Frades traballarase en: leira do Carballal, campo de fútbol de Vitre, punto limpo, leiras Gasalla, Campoduro e Sanamil, praza de Ponte Carreira, área O Muíño de Céltigos e piscina de Papucín,. Por último en Mesía: Prazas Albixoi, Cumbraos, Rivas, Braña do Vilar, Visantoña, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, zona polideportivo Xanceda, viveiro municipal e nas brañas de Valga.

Ao tratarse dun obradoiro dual a dita consellería ten prevista outra partida orzamentaria de cara á contratación de alumnos e alumnas por parte de empresas privadas.

Orzamento de 339.200 €
O Concello de Ordes será a entidade promotora do proxecto, o que inclúe todo o relacionado coa xestión, así como os aspectos materiais, técnicos ou de servizo necesarios. O seu importe total ascende a preto de 339.200 €, dos cales case 262.000 irán destinados á contratación do persoal, 27.000 € para gastos correntes e de material e outros 12.000 € para sufragar os traslados e desprazamentos para a formación práctica dos 20 alumnos-traballadores que conformarán o grupo (10 Ordes, 5 Frades e 5 Mesía). Está previsto que a meirande parte destes custos se sufraguen coa subvención de 288.800 € solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O importe non subvencionado que será asumido polos concellos será de 22.600 € no caso de Ordes, 7.548 € no de Frades e 5.787 € no de Mesía (máis os gastos de indemnización de persoal e traslado a partes iguais).

O obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo recibe este nome ao ser este o punto exacto de confluencia das lindes territoriais dos tres municipios englobados nesta iniciativa.