Sábado 21 de Xullo de 2018

Os Campamentos de Verán do Concello de Lousame terán como eixo temático o Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia


Dirixidos a nenos e nenas de 6 a 15 anos, terán lugar entre o 16 e o 20 de xullo. Os prezos mantéñense nos 45 euros (Lousame) e 65 euros (fóra de Lousame)

O Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia será o eixo temático da edición número dezaseis dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame, que terán lugar do 16 ao 20 de xullo. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “este ano quixemos aproveitar os traballos que estamos a realizar a prol da oficialización do trazado do Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia para que os nosos nenos e nenas coñezan este itinerario Xacobeo combinando actividades relacionadas co Camiño coas tradicionais saídas deportivas e de natureza”.

Así, os cinco días dos campamentos estarán divididos en “etapas”, se ben fisicamente a rapazada só fará un percorrido polo trazado do Camiño ao seu paso por Lousame o xoves 19 de xullo. Todas as actividades relacionadas co Camiño terán lugar a primeira hora da mañá: a orixe do Camiño (luns 16), valores da peregrinaxe (martes 17), o Camiño Inglés (mércores 18), percorrido do Portus Apostoli en Lousame (xoves 19) e trivial do peregrino (venres 20).

Polo demais, o campamentos de verán de Lousame manteñen as actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza que tanto éxito tiveron en pasadas edicións como as saídas á praia, a excursión ao Aquapark de Cerceda, os inchables, a velada nocturna ou a gran festa acuática de despedida.

Os XVI Campamentos de Verán están dirixidos a rapaces e rapazas entre os 6 e os 15 anos de idade. Os prezos mantéñense igual ca en anos anteriores: 45 euros para empadroados ou residentes en Lousame e 65 euros para os de fóra do municipio. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, sendo o polideportivo municipal Pilar Barreiro a base de operacións. As persoas participantes terán que traer o xantar e a merenda todos os días, salvo o venres 20 de xullo. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no 981 825 780.

Programa de actividades

Os Campamentos de Verán comezarán o luns 16 de xullo cun parque predeportivo e tres inchables. A partir das 16:00 horas, tarde de piscina con xogos de auga e outro inchable. O martes 17 de xullo será unha xornada de praia e surf, mentres que para o mércores 18 está programada unha excursión ao Aquapark de Cerceda para toda a xornada.

O xoves 19, tras a peregrinación da mañá, terá lugar un circuíto de orientación que dará paso a unha tarde de praia e obradoiros. Despois haberá tarde de obradoiros e praia. Ás 21:00 horas, despois de asearse, os pequenos e pequenas desfrutarán dunha cea e doutra das novidades deste ano: unha xornada de astronomía, incluída no proxecto FECYT. Tras unha baile de disfraces con karaoke, durmirán no polideportivo municipal.

Para o venres 20 repetirá unha das novidades máis aplaudidas do ano pasado: a carreira “holy run”, na que os participantes non só correrán, senón que bailarán e se empaparán de polvos de cores. Por iso recoméndase acudir esa xornada con gorra, gafas de sol e roupa vella. Pola tarde, tras unha actividade de promoción do voluntariado, gran festa de despedida na piscina con festa da escuma, tobogán de auga e deslizantes.

A alcaldesa de Lousame lembra ás familias que “a puntualidade é un requisito imprescindible, sobre todo no remate das xornadas, polo que é imperativo que os nenos/as se recollan antes das 21:00 horas, sen excepción”. Durante o campamento non se permitirá o uso de móbiles, tabletas, videoxogos nin dispositivos de reprodución multimedia por parte dos pequenos.