Martes 25 de Setembro de 2018

Estudantes de 1º de Bacharelato do IES de Brión gañan o primeiro premio no concurso “Sensores 2018”


Deseñaron e fabricaron “BrionXbot”, un autómata capaz de recompilar datos sobre distancias, temperatura, humidade e luminosidade controlable por bluetooth dende un teléfono móbil

Alumnado de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico do IES de Brión acaban de gañar o primeiro premio no concurso “Sensores 2018”, un certame convocado por Igaciencia e patrocinado polo Concello da Coruña. Un galardón recoñece a calidade do proxecto “BrionXbot”: un robot deseñado, fabricado, controlado e programado integramente polo alumnado do centro brionés e que está inspirado nas esculturas cinéticas do artista neerlandés Theo Jansen.

Esta iniciativa desenvolveuse como proxecto interdisciplinario dos departamentos de Tecnoloxía e Debuxo no último trimestre do curso e contou co soporte do Laboratorio de Formas Procesos e Materiais do IES de Brión. Os autores do mesmo son: Diego Baleirón Pais, Diego Basante Magariños, Noelia Canda Pazos, Antón Carcedo Martínez, Verónica Godoy Antelo, David Gualillo Lago, Alberte Xosé López Freire, Ainhoa Pérez Raña, Aarón Peula Velarde, Sara Picos Gómez, Alejandro Quintana Cid, Carlos Ruiz Abete, Carla Villar Cobas e Fátima Viqueira Barca.

Á entrega de premios, celebrada no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, acudiron Fátima Viqueira Barca e Alberte López Freire, en representación do alumnado participante no proxecto, así como o profesorado que coordinou o proxecto: Luz Ramos López e Xabier Lorenzo Abalde. O segundo premio do certame foi para “Foguete”, conformado por alumnado de 2º da ESO do IES Menéndez Pidal.

BrionXbot

Fátima Viqueira e Alberte López explicaron que “nos satisfai ter conseguido crear un robot diferente aos que podemos atopar no mercado, capaz de andar, de recompilar e enviar distintos datos segundo o que detecten os sensores que incorpora”. Un robot creado a través dunhas impresoras 3D das que dispón o IES Brión. “Resulta especialmente cómodo poder manexar o robot remotamente vía Bluetooth. Entendemos que este modo de control é moi intuitivo e fai o produto moi atractivo, sobre todo pensando nas posibles aplicacións. Creemos que as persoas usuarias agradecerán unha interacción tan directa. Resulta tamén moi práctico poder recibir os datos no móbil, ademais de na LCD, para elaborar gráficas, enviar a terceiros ou realizar calquera tipo de tratamento”, indicaron os representantes dos premiados.

BrionXbot é un autómata de seis patas distribuídas en dous trens situados nos costados dun corpo central ou chasis. Cada tren está formado por tres articulacións montadas sobre un cegoñal e ancoradas nun eixe fixo. A rotación do motor move estes mecanismos de tal xeito que os extremos das patas describen unha traxectoria cíclica de avance. Está dotado de diversos sensores que permiten recompilar datos sobre distancias, temperatura, humidade e luminosidade.

Grazas á incorporación de Bluetooth e a unha pantalla LCD é posible monitorizar os datos obtidos a través dun smartphone ou directamente no robot. Tamén se poden controlar os movementos do robot de xeito remoto dende un teléfono móbil.