Venres 20 de Xullo de 2018

O campamento Sementeira empeza o próximo luns cunha chea de actividades para a rapazada


O programa “Sementeira” de conciliación familiar durante os meses de verán iniciará o próximo luns a súa primeira quenda cun total de 35 nenas e nenos inscritos. A alta demanda deste ano levou ao Concello a ampliar a oferta en cinco prazas, coa finalidade de darlle cabida ao maior número posible de rapaces e rapazas. Aínda así houbo peticións que quedaron fóra -dábaselle prioridade á orde de entrada das solicitudes e ao alumnado do CPI-, que formarán parte dunha lista de agarda por se se producise algunha baixa. Para a segunda quenda, a do mes de agosto, abrirase un novo período de solicitude a partir do 20 de xullo. O tema principal do campamento vai ser a vida nas vilas e aldeas, descubrindo ao longo do mes lugares, oficios, festas e tradicións de toda Galicia que se xuntarán con outros contidos relacionados coa alimentación saudable, a igualdade e, folga dicilo, o desfrute de espazos coma o castelo ou a área recreativa de Soutogrande. As actividades para todos os días de xullo están recollidas nun extenso programa que lles será presentado ás familias este xoves, 28 de xuño, a partir das 19.30h. no pavillón municipal.

Se miramos máis en detalle a planificación do mes atoparemos que os nenos e nenas farán practicamente de todo. A base operativa do campamento será o pavillón polideportivo de San Ramón, aínda que o grupo tamén se trasladará en distintas xornadas ao local social do Pereiro, á área recreativa e a piscina municipal, á biblioteca e ao castelo. Mesmo está previsto facer unha excursión ao parque eólico experimental de Sotavento, en Xermade, onde se pode ver unha casa que funciona integramente con enerxías renovables.

E é que a sustentabilidade, a cultura e o traballo en materia de igualdade e respecto son a base na que se sustenta un programa que xunta lecer e educación a partes iguais. Entre os obradoiros propostos para esta edición atopamos os de manualidades relacionadas cos temas principais, a aprendizaxe do oficio cesteiro coa axuda de varias mulleres de Moeche que aínda atesouran ese saber ancestral, o amasado do pan, o descubrimento da etnografía da zona, a colleita do mel, os labores que se fan nunha gandaría, a plantación dunha horta, a robótica ou a xincana sobre igualdade de xénero que se desenvolverá na mañá do 18 de xullo. Ademais, a rapazada tamén aprenderá cousas das catro provincias galegas, como por exemplo quen foi María Pita, de onde lle vén a Ribadeo o cualificativo de vila indiana, cales son os misterios que garda a aldea ourensá de Chaioso e por que as tribos vikingas asaltaban a costa pontevedresa. Todo dándolles todo o protagonismo aos nenos e nenas, que se meterán en situación con debuxos, traxes e outros elementos elaborados por eles e elas maiormente con materiais reciclados.

O campamento Sementeira está dirixido a rapazada de entre 3 e 12 anos. Para o desenvolvemento das actividades faranse dous grupos de idade, un de 3 a 7 anos e outro de 8 a 12, titorizados por catro monitoras. Que haxa grupos non significa que estean separados, senón que se trata máis ben de adaptar as actividades a cada banda de idade para manter o interese da cativería coa finalidade de que todos e todas, máis grandes e máis pequenos, desfruten por igual dun mes para aprender e pasalo ben.

Os horarios son os mesmos que en 2017: de 9.00 a 14.00h. e de 10.00 a 14.00h., dependendo da opción elixida polas familias. A media mañá os nenos e nenas farán un pequeno descanso para comer algo e repoñer forzas. O menú tamén está definido de antemán e variará ao longo da semana: lácteos, zumes, froitas variadas, froitos secos, bocadillo, etc. Tanto este como outros aspectos do Campamento Sementeira explicaránselles ás familias este xoves 28 de xuño nun encontro programado para as 19.30h. no pavillón municipal.

Inicialmente o Concello tiña previsto ofertar un máximo de 30 prazas que, finalmente, se ampliou a 35. Aquelas familias que non obtivesen praza para a quenda deste mes de xullo pasan formar parte dunha lista de agarda da que se tiraría se houbese algunha baixa. O prazo de solicitude para a quenda de agosto abrirá o día 20 de xullo e os criterios de adxudicación serán os mesmos: en primeiro lugar mirarase a data de entrada da solicitude no rexistro; se existisen máis peticións que prazas, o Concello asignará cada unha delas dándolle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche e, en último caso, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio. Iso si, débese ter en conta que parte das vacantes poden estar ocupadas xa por nenos e nenas que solicitaron o programa para xullo e agosto.

Para obter máis información pode consultarse o apartado de Programas Municipais ou chamar ao departamento de Benestar Social e Igualdade, 981 404 006 ext. 1. O programa Sementeira conta con financiamento da Deputación da Coruña.