Venres 20 de Xullo de 2018

O CF San Sadurniño e o Aldebarán traballan xa para ampliar as súas canteiras


Malia haber escasos días que ramataron as súas respectivas temporadas, o club de fútbol San Sadurniño e mailo Aldebarán de volei andan xa preparándose para o ano que vén coas miras postas en incrementar o número de xogadoras e xogadores da base. No caso do fútbol acaba de facerse un chamamento para as inscricións nos distintos equipos de rapazada de entre 4 e 17 anos, mentres que o club de volei organiza en xullo e agosto un campus aberto a todas as idades.

O chamamento do San Sadurniño convida a que a cativería e a mocidade se apunte nas escuadras do club laranxa por un prezo anual de 80€ -8 euros ao mes- que inclúen a aprendizaxe da técnica e tamén a roupa do equipo. Para facelo só hai que chamar a calquera dos teléfonos facilitados pola entidade: 669.638.282, 696.009.472 e 618.850.792.

O Sansa asegura no seu Facebook que quere “seguir apostando pola canteira como base do proxecto deportivo” e de aí que, de cara á temporada 2018-2019, xa se anunciaron novas incorporacións ao primeiro equipo de futbolistas saídos da base. É o caso de Marcos Montero, Alexis, Félix e Deco que este ano xogaron en xuvenil e que a partir do 30 de xullo -día en que comezan os adestramentos- estarán xa ás ordes de Óscar Blanco.

O CF San Sadurniño xestiona as escolas municipais de fútbol tras asinar co Concello un convenio anual de 9.000 €. Na temporada rematada hai escasos días o club contou con sete categorías e máis de medio cento de rapaces e rapazas no caso do fútbol base. Ademais, o San Sadurniño tamén xogou a liga comarcal feminina de Fútbol 8 e a Segunda Autonómica masculina, sumando 36 deportistas entre as dúas formacións.

Campus de volei do Aldebarán
Para tirar pola rapazada tamén nos meses do verán, o Aldebarán de volei volve organizar unha actividade a medio camiño entre o deportivo e a conciliación. Durante a semana -luns a venres- de xullo e agosto o Pavillón municipal acollerá un campus dirixido a todas as idades -anque preferentemente rapazada- que se desenvolverá en dúas quendas: unha de 10.00 a 11.30h. e outra de 11.30 a 13.00h.

O prezo son 40€ mensuais e para apuntarse ou obter máis información hai que chamar ao 619.427.433, 653.034.755 ou 638.706.547. Tamén se pode enviar un correo a aldebaranvoleibol@gmail.com. Os adestradores encargados da actividade serán Pablo Gómez Parga e Anxo Pérez Muíño.