Domingo 18 de Novembro de 2018

Pechado o cartel de actuacións para as festas patronais de Ordes


Entre outras está confirmada a presenza de Heredeiros da Crus, Leilía, A Roda, ademais de orquestras como Olympus, Palladium ou Ceniza

A Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes xa ten debullado o seu programa de actuacións para as festas patronais de Santa María, as cales se celebrarán dende o 14 ata o 17 de agosto.

O festival Sons de Ordes terá lugar o primeiro día. A música rock e pop dos anos 80 e 90 será a que faga moverse a todos e a todas. Para isto contarase coas actuacións de Dani Royo & Verson´s band. Pero sen dúbida o prato forte para este día virá dun dos grupos pioneiros do estilo bravú, Heredeiros da Crus.

Para o día grande, o 15 de agosto, o ambiente de orquestra inundará Ordes grazas ás actuacións de Palladium e da Orquestra Principal. Por suposto non faltará a misa solemne seguida da procesión, na que sempre participan centos de veciños e veciñas acompañando á imaxe da santa polas principais rúas do pobo.

A Noite Folk está reservada para o 16 de agosto. Este ano o cartel compóñeno dous grupos referentes dentro da música tradicional galega, as pandeireteiras Leilía e os vigueses A Roda.

Para pechar as festas o día 17 están confirmadas as actuacións das orquestras Olympus e Ceniza.