Luns 24 de Setembro de 2018

Unanimidade do Pleno de Noia para impulsar a mellora do Muelle do Marqués, dos parques infantís e iniciar as xestións na Xunta para o centro de día e a escola infantil


A unanimidade foi a protagonista da sesión plenaria ordinaria de xuño celebrada na noite de onte martes en Noia, pois todos os asuntos da orde do día foron aprobados co apoio de todos os grupos municipais e mesmo sen debate, coa única excepción da moción da Marea Cidadá de Noia.

Así, o pleno respaldou as dúas mocións do PSdeG-PSOE nas que pedía que o Concello de Noia limpe o Muelle do Marqués e elabore un proxecto para a súa posta en valor. Así mesmo, aprobouse unha moción na que se pedía unha actuación inmediata nos xogos dos parques infantís do municipio e presentar un plan de conservación e mantemento dos mesmos antes de finais de 2018. Unha moción á que se engadiu unha emenda do BNG para a creación de espazos e xogos inclusivos para nenos/as con diversidade funcional.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Noia está a acometer melloras no parque infantil do Campo das Rodas e que ao longo do ano realiza diversas actuacións de mantemento nos distintos parques municipais, as últimas esta mesma semana no parque do paseo marítimo, xa que algúns dos xogos se viron danados despois da festa do San Xoán.

Centro de día e escola infantil

Tamén se aprobou por unanimidade a moción da Marea de Noia na que se pedía instar aos grupos no Parlamento a que apoien a Proposición Non de Lei para que a Xunta inicie as xestións para dotar a Noia dun centro de día e dunha escola infantil pública. Así mesmo, acordouse instar á Xunta a buscar unha solución ás vacacións do persoal de pediatría en Noia.

O debate xurdiu nos datos utilizados polo voceiro da Marea de Noia, Manuel Seijas, durante a presentación da moción, pois falou da existencia de listas de espera nos centros de día da comarca mentres Noia “presenta unha poboación moi envellecida, pois cuatriplica a ratio de poboación envellecida”, e da existencia de 410 nenos/as menores de 3 anos aos que non poden dar resposta dende a iniciativa privada. O concelleiro de Cultura, Xosé Pérez, indicou que “pese a que estamos a favor da parte dispositiva da moción, si queremos matizar cousas como que as garderías de Noia, algunhas con 30 anos de experiencia, non están saturadas. Pola tarde non están nin ao 40%. E o cento de día de Lousame non está saturado, non enganemos a ninguén”.

Pola súa banda, o alcalde de Noia, Santiago Freire, lembrou tamén que se incrementaron a concesión de Bonos Concilia para os usuarios das garderías privadas do municipio e que “en moitos dos casos o coste é menor que o que terían nunha escola pública. Ademais, tamén temos que ser conscientes de que hai tres escolas infantís privadas que prestan servizo coa calidade asistencial equiparable ao dunha escola pública e que aínda que haxa 410 nenos/as censados, non todos fan uso desas instalacións”. Tanto Xosé Pérez como Santiago Freire tamén chamaron a atención sobre que a apertura dun centro público podería ter a súa repercusión sobre o emprego existente no sector nestes momentos.

Así mesmo, Freire lembrou que tanto os centros de día de Outes como de Lousame foron creados de xeito comarcalizado e que xa acollen usuarios de Noia, “que recollen no seu domicilio e que, no caso de Lousame, temos a pouco máis dun quilómetro do centro de Noia”. Finalmente, sobre o tema de pediatría, Freire explicou que “aínda que Sanidade quere cubrir as baixas por vacacións, non hai lista de substitutos en disposición de ocupar esas prazas” e apuntou que “se vai reforzar o servizo de Lousame cun profesional, o que tamén suporá un reforzo”.