Martes 20 de Novembro de 2018

Os 20 alumnos do Obradoiro de Emprego de Miño, Paderne e Pontedeume formáronse nos sectores de xeriatría e dependencia


O orzamento da iniciativa foi de 280.000 euros aos que hai que sumar as aportacións dos 3 concellos
Un total de 20 alumnos e alumnas formáronse na área de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 280.000 euros.

Os alumnos-traballadores recibiron formación tanto teórica como práctica. Aínda que o programa de estudos incluía a correspondente parte teórica, os participantes tiveron oportunidade de adquirir experiencia práctica no centro Pai Menni, nas Irmás Hospitalarias de Betanzos, especializado en discapacidade intelectual e na Residencia García Hermanos de Betanzos con fin de acadar a preparación necesaria para obter o certificado de profesionalidade.

“Sociosanitario II” está financiado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente está composto por unha directora, dúas mestras da especialidade, unha docente en materias transversais, unha titora de ensino básico e unha administrativa. Ao remate do curso, os alumnos-traballadores recibiron un certificado de capacitación profesional con validez en todo o Estado que lles habilita para empregarse nas especialidades nas que se formarán durante os vindeiros nove meses.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar este taller de emprego, promovido polos concellos de Miño, Paderne e Pontedeume. Ao acto acudiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e os respectivos alcaldes, Ricardo Sánchez, César Longo e Bernardo Fernández.

O obradoiro contou cunha achega da Xunta de 280.000 euros en colaboración cos concellos. Os alumnos comezaron a formación en setembro e concluíron en xuño, tras nove meses de formación teórica e práctica.

Ovidio Rodeiro comezou por felicitar aos participantes: “ porque tivestes a oportunidade de traballar nove meses meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Tamén tivo unha mención especial para o tres alcaldes “que por cuarto ano conseguides levar a cabo este proxecto, unha formación de calidade para o emprego que non sería posible sen a colaboración entre as administracións públicas. Todos temos moi claro que ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns e cidadás”.

Obradoiros
A provincia da Coruña conta no curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.

Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, teñen lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, que contan cada un con 15 alumnos-traballadores, realízanse en Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro, ademais do de Ames compartido con Brión.

Impulso ao emprego estable
Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros centos de persoas obterán un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos directores, ao persoal docente e administrativo.

Obradoiros duais
A partir do mes de setembro iniciarase unha nova edición deste programa. Na convocatoria 2018/2019 activaranse os novos obradoiros duais de emprego cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas. A Administración autonómica destinará en total 29,6M€.

O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.