Venres 20 de Xullo de 2018

“Cándido y los demás”, título gañador do XI Premio Internacional “Compostela” de Álbums Ilustrados


Xa temos obra gañadora do XI Premio Internacional “Compostela” de Álbums Ilustrados, que convoca o Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka. Trátase do título Cándido y los demás, do alacantino Fran Pintadera e o barcelonés Christian Inaraja.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, compareceu hoxe en rolda de prensa para dar conta da decisión do xurado, “adoptada por unanimidade, despois dunha longa deliberación”. De Cándido y los demás, o xurado destacou “o seu estilo actual, directo e coherente: e a súa riqueza gráfica”. En canto á súa temática, a obra de Fran Pintadera e Christian Inaraja “fala de que todos e todas somos diferentes, da mirada dun mesmo cara os demais, e dos demais cara un mesmo”.

Ademais da obra gañadora, o xurado acordou declarar finalista o título A ensartadora de bágoas, presentada polas italianas Anna Pedron e Franca Perini e que fala da capacidade de transformar a dor en forza positiva. Por último, nesta XI edición do certame haberá dúas mencións especiais, para as obras Ninguén coma min (autobiografía dun tirano de José Ignacio Chao Castro, de A Coruña, e Eva Sánchez Gómez, de Barcelona; e A cidade conta historias, da lisboeta Susana María Seixas Alves Matos.

Obras de 18 países
Nesta XI edición do Premio Internacional “Compostela” de Álbums Ilustrados o xurado tivo que avaliar 161 obras, chegadas de 18 países. Así, recibíronse títulos desde Italia, México, Brasil, Grecia, Gran Bretaña, Portugal, Rusia, Argentina, Uruguay, Polonia, Rusia, Irlanda, Alemaña, Francia, Gales, Suiza, Bielorrusia, Canadá e España. En concreto, das 161 obras recibidas, 93 proceden de diferentes puntos do Estado, 27 delas de Galicia.

O Premio Internacional “Compostela” para Álbums Ilustrados vense organizando desde o ano 2001, co obxectivo de fomentar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade. É, ademais, un dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. A editorial Kalandraka publica a obra gañadora nas cinco linguas oficiais da península (galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués), así como en inglés.

Nesta edición, o xurado estivo composto polo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, Arianna Papini, José Cobas, Miguel Ángel Fernández-Pacheco e Manuela Rodríguez Lorenzo.

Lembranza a Xabier P. Docampo
O xurado quixo facer constar na acta da súa xuntanza de onte o pesar pola morte de Xabier P. Docampo, que foi membro do xurado do Premio “Compostela” de Álbums Ilustrados na súa primeira e tamén na décima, o ano pasado.