Venres 20 de Xullo de 2018

Xantar de confraternidade para pechar as actividades deste ano do programa de prevención da dependencia de Boqueixón


O programa de prevención da dependencia do Concello de Boqueixón pechou as súas actividades cun xantar de confraternidade. A decena de usuarios e usuarias estiveron acompañados polo alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mª Seijo, e pola presidenta da Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencias tipo Alzheimer (AGADEA), Isabel Gey.

Así, dase por concluído un intenso ano cheo de actividades. As diferentes sesións desenvolvéronse nas instalacións do local social de Sergude dúas veces por semana. Para facilitar a asistencia, dende o Concello de Boqueixón facilitan un servizo de transporte gratuíto para todas as persoas participantes.

Entre as propostas desenvolvidas dentro do programa de prevención da dependencia atópanse aspectos como estimulación cognitiva, orientación temporal e espacial, psicomotricidade, autoestima, ergoterapia, actividades lúdicas, celebración de aniversarios e propostas específicas por datas sinaladas (Nadal, Entroido…). Tamén se contemplan actividades coma a lectura e posterior debate de novas de actualidade, musicoterapia, xerontoximnasia ou saídas puntuais.