Sábado 15 de Decembro de 2018

Marta Míguez destaca a importancia das mulleres que abriron o camiño do deporte feminino galego na mesa redonda ‘Deporte coruñés en feminino’


Destaca que nesta tempada 2018-2019 “o número de licenzas femininas xa chega practicamente ao 24% cando hai só un ano era do 20%”

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mesa redonda ‘Deporte coruñés en feminino’ na que presentou e moderou o debate no que tamén participaron a xogadora de fútbol do Real Club Deportivo Abanca, Rosalía Muíño, a lanzadora de xavelina, Ivanna Carolina Román Sánchez, a xogadora de rugby do CRAT feminino, Mónica Castelo, a taekwondista da Escola Dobok Coruña, Sara García e a xogadora de voleibol do Club Voleibol Zalaeta, Tania Cobos.

Na súa intervención, a titular do Deporte galego destacou como “no hóckey, no fútbol ou no baloncesto, desde finais do século XIX comezaron a proliferar as mulleres no que eran prácticas elitistas, democratizadoras e emancipadoras e tamén transgresoras”. “Grazas a esas pioneiras, hoxe, o deporte feminino é un deporte perfectamente delimitado e que en Galicia e no mundo enteiro conta cunha gran afección”, engadiu.

Neste sentido destacou que nesta tempada 2018-2019 “o número de licenzas femininas xa chega practicamente ao 24% cando hai só un ano era do 20%”.