Sábado 15 de Decembro de 2018

Portos de Galicia habilitará unha zona de aparcadoiro no peirao de Corme


 O presidente do ente público anunciou o inminente inicio das obras en resposta a unha pregunta parlamentaria en Comisión 8ª

A Consellería do Mar a través de Portos de Galicia habilitará unha zona de aparcadoiro no peirao de Corme, no municipio coruñés de Ponteceso. Así o comunicou o presidente do ente público en resposta a un pregunta parlamentaria realizada na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.

Durán Hermida anunciou que o seu departamento ten previsto o inicio dos traballos nos vindeiros días, de modo que non se interfira co período de festas da localidade. Así mesmo, explicou que as obras incluirán tamén o repintado da sinalización horizontal da zona coñecida como “debaixo da Igrexa”.

No dito espazo Portos de Galicia realizou meses atrás tarefas de conservación e mantemento que incluíron o pintado dunha marca lonxitudinal que establecía unha zona peonil emprazada na localización indicada polo Concello de Corme. Porén dadas as opinións controvertidas da veciñanza de Corme ao respecto desta localización, Portos de Galicia reordenará os espazos, destinando outra zona ao tránsito peonil e habilitando nesa un espazo para aparcadoiro de vehículos.

Na súa intervención no Parlamento de Galicia, Durán Hermida explicou que Portos de Galicia seguiu inicialmente as indicacións do Concello en virtude da colaboración institucional que se establece por norma coas administracións locais. Posteriormente e ante a resposta veciñal trasladada polos representantes veciñais que solicitaron unha reunión co propio presidente do ente público, tomouse a decisión de reconverter o dito espazo en aparcadoiro.