Luns 24 de Setembro de 2018

Arredor de 200 persoas participaron no Descenso do Ulla en Piraguas


Arredor de 200 amantes do deporte acuático participaron o pasado sábado nunha nova edición do Descenso do Ulla en Piraguas. Esta iniciativa, desenvolvida de xeito conxunto polos municipios do Val do Ulla –Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces- contou coa presenza dos seus respectivos alcaldes, Manuel Fernández Munín, Carlos Martínez Carrillo e José Otero, respectivamente.

As persoas participantes, de entre 14 e 50 anos, procedían principalmente de Boqueixón e da bisbarra. Todas elas reuníronse na área recreativa da Ponte Ledesma para recoller cadansúa piragua e iniciar o percorrido de 10 quilómetros a través do río Ulla cruzando os municipios boqueixanés, cruceño e vedrés. Dende esta zona, as piraguas pasaron polas Illas Gres para despois cruzar o Val do Ulla ata chegar á área recreativa de Vilanova, onde finalizarían este percorrido.