Mércores 26 de Setembro de 2018

Empeza en San Sadurniño a Aldea de Verán 2018


O programa de conciliación familiar e lecer educativo Aldea de Verán xa está en marcha. Empezou onte a pesar de ser festivo local, aínda que foi nesta mañá de martes cando xa puideron verse -e tamén reencontrarse- todos os nenos e nenas. Son un total de 46, o número máis elevado dos últimos anos, que compartirán xogos e aprendizaxe durante a quenda do mes de xullo. Parte das familias xa reservaron praza tamén para o mes de agosto que, en principio, disporía a día de hoxe de 17 vacantes do total de 45 ofertadas. As solicitudes para esa segunda quenda do programa poden tramitarse no Concello até o día 16 de xullo.

A Aldea de Verán leva este ano o apelido “En corpo e arte”, que resume o fío condutor de todas as actividades das que desfrutará a rapazada participante. Tal e como explica Raquel Veiga -coordinadora do campamento- “imos traballar o tema das artes en relación coa expresión corporal e o movemento”. Con este punto de partida, os nenos e nenas tocarán a través do xogo e da interacción entre si a arquitectura, a escultura, a pintura, a música, a literatura, a escrita literaria, a danza e o cine.

O punto de encontro da Aldea de Verán é o ximnasio do CPI de San Sadurniño, lugar que acollerá a maior parte das actividades matutinas da cativería. Porén, os xogos tamén se trasladarán a outros lugares próximos. “Sempre tentamos aproveitar todos os recursos locais. Estaremos na piscina os martes e os xoves, cando nolo permita o tempo; os venres na Casa da Cultura, e faremos tamén saídas pola contorna…os xardíns do pazo, visitaremos de novo o río…”, explica Raquel Veiga.

Ademais, dentro do programa tamén está previsto ir de excursión. Haberá unha á praia e outra “especial” a algún lugar que teña que ver co fío condutor deste ano. “Está aínda pendente de concretar, pero será a algún museo ou lugar relacionado coas sete artes”, comenta a monitoria e coordinadora do programa.

A Aldea de Verán comezou este luns -festivo local- e non foi ata hoxe cando estivo máis ou menos ao completo. Nestas dúas primeiras xornadas fixéronse as presentacións para que a cativería coñeza ás novas monitoras e tamén a outros nenos e nenas que se incorporan este ano por primeira vez ao programa e cos que, quizais, non vaian xuntos á escola. “Tendo en conta que onte foi festivo aínda estamos recibindo hoxe os nenos e nenas novas, estamos facendo xogos de presentación e de expresión das emocións”.

Apertura do prazo de solicitude para agosto
Para este primeiro mes da Aldea de Verán recibíronse 52 solicitudes. 32 delas foron de familias de San Sadurniño, 4 de familias que acreditaron vinculación laboral co municipio e 10 referidas a menores con matrícula no colexio público. As seis restantes que formarán parte da lista de agarda quedaron excluídas do cupo ofertado por non ter demostrada a súa relación de tipo laboral ou escolar co concello, independentemente de que algunhas delas fosen as primeiras en ser entregadas no rexistro.

O programa busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións do verán, ao tempo que lles axuda ás familias a combinar traballo e coidado dos nenos e nenas neses dous meses en que están na casa. O horario global é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8.30 a 10 e outra de 10 a 14.30 horas.

Para a quenda de agosto volven ofertarse 45 vacantes, aínda que cómpre ter en conta que as familias empadroadas no concello tiveron a posibilidade de reservar praza para a segunda parte do programa no momento de solicitar a inscrición para a quenda de xullo. De feito hai xa 28 prazas reservadas, polo que, en principio -e dependendo de que se confirmen todas elas- para agosto habería dispoñibles alomenos 17 vacantes.

En calquera caso o Concello publicará con posterioridade ao peche das inscricións un listado onde se farán constar tanto as circunstancias da admisión como as posibles exclusións que, de igual modo, formarán parte dunha lista de agarda por se houbese baixas.

A documentación está dispoñible nas seguintes ligazóns e haberá que presentala, como moi tarde, o día 16 de xullo. Os criterios de asignación de prazas son os mesmos que para a primeira quenda e iranse cubrindo por orde de solicitude dándolle prioridade ás familias empadroadas no concello. Se hai vacantes ocuparanse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño e, en último caso, con pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño ou rapazada matriculada na EIM A Rolada.