Sábado 21 de Xullo de 2018

Máis dun cento de rapaces e rapazas de Boqueixón participan no programa de conciliación Verán Activo


Máis dun cento de rapaces e rapazas de Educación Infantil e Primaria participan no programa de conciliación Verán Activo do Concello de Boqueixón. As instalacións deportivas de O Forte son o lugar escollido para desenvolver as distintas actividades coas que cubrir o tempo de lecer dos pequenos e pequenas.

As distintas sesións desenvólvense de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas, coa posibilidade de ampliar horario no caso de conciliación laboral e familiar. Entre as propostas que se ofertan neste programa atópanse diversas actividades deportivas, así como obradoiros de manualidades, excursións e propostas acuáticas.

O programa Verán Activo combínase tamén cos cursos de natación e patinaxe. Estes desenvolveranse durante o presente mes de xullo.