Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta confirma o apoio á Fundación ‘Eduardo Pondal’ polo seu traballo de promoción, dinamización e difusión da cultura galega


A Fundación de Ponteceso recibiu este ano varios recoñecementos, entre os que destaca o da Real Academia Galega e o Premio Rosalía de Castro

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na entrega dos Premios ‘Bos e Xenerosos’ da Fundación Eduardo Pondal, nun acto no que confirmou o apoio do Goberno galego á institución polo seu “traballo de promoción, dinamización e difusión da cultura e da lingua galegas”.

O vicepresidente é membro do Padroado da Fundación, da que asegurou sentirse moi orgulloso pola labor que fai e que comparte coa Xunta e cos catro galardoados. Este frutífero traballo viuse recompensado este ano con varios recoñecementos, entre os que destaca o da Real Academia Galega e o Premio Rosalía de Castro, que se suman a outros importantes galardóns que xa tiña a Fundación, como o Premio da Cultura Galega que recibiu en 2012.

Por todos estes motivos, a Xunta continuará colaborando como ata agora coa Fundación de Ponteceso, especialmente de cara ao ano que vén no que ofrece efemérides moi propicias para seguir a homenaxear a figura do autor do himno galego, xa que se cumpren 125 anos da primeira publicación do poema “Os pinos” e 50 desde que se lle dedicou a Pondal o Día das Letras Galegas.

Catro galardoados
No acto de hoxe recoñeceuse o labor e a figura de catro ‘Bos e Xenerosos’ que dedican a súa traxectoria profesional e persoal a conservar, mellorar e estender o rico patrimonio cultural e as expresións artísticas de Galicia. Por iso, ademais de recibir un premio da Fundación, pode dicirse que reciben tamén o recoñecemento de todos os galegos e galegas.

Xosé Neira Vilas entregou o seu premio ao historiador Felipe Senén López; a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, ao músico Roi Casal; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, á filóloga Dolores Vilavedra. O último galardón foi para a gaiteira Susana Seivane, que o recibiu de mans do presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luis Fondo.