Domingo 18 de Novembro de 2018

O Concello de Boqueixón colabora no desenvolvemento do Programa Mergúllate, dirixido a mulleres con discapacidade


A iniciativa, desenvolvida por ACADAR, conta con 9 participantes

O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Boqueixón colaboran no desenvolvemento do Programa Mergúllate. Esta iniciativa, cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo, está organizada pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR).

Un total de nove mulleres con discapacidade da zona participan no obradoiro que se desenvolve todos os luns destes meses de verán no Centro Socio Cultural de Lestedo. Ditas sesión son impartidas por persoal especializado de ACADAR. O seu obxectivo é, en verbas das profesionais, “ofrecer ás participantes un servizo de atención especializada e específica”.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, visitaron recentemente ás participantes deste programa co fin de coñecer a súa experiencia. Durante estas sesións grupais abórdanse temas como o incremento da autoestima, promoción da saúde, mellora das habilidades sociais e intelixencia emocional, prevención e detección de situacións de violencia, entre outros.

Tras un mes desde a posta en marcha deste programa, que rematará a finais de agosto, aínda que está vixente ata finais de setembro, dende ACADAR realízase un balance positivo. Neste senso, indican que todas as participantes están respondendo moi ben ás distintas actividades e valoran moi positivamente que o ambiente de traballo é moi distendido, o que facilita a optimización da atención. “Son mulleres participativas, activas e involucradas en recibir a formación que lle achegan as profesionais de ACADAR”, conclúen desde o CIM de Boqueixón.