Luns 24 de Setembro de 2018

Xunta e Concello financiarán a mellora dos accesos ao Pico de Ferreira e a sinalización doutros recursos turísticos de San Sadurniño


A Axencia Turismo de Galicia, dependente da Presidencia da Xunta, comunicoulle recentemente ao Concello a concesión dunha axuda de 25.500 euros para levar adiante as obras de mellora da accesibilidade e de posta en valor do Pico de Ferreira, un dos lugares máis espectaculares de San Sadurniño. Ademais de acondicionar a pista que leva ao miradoiro, o Concello tamén ten previsto preparar a explanada que hai no cume e dotala dun panel informativo que permita coñecer mellor a importancia patrimonial e histórica do lugar, onde se conserva unha tumba antropomorfa cavada na rocha coñecida como a “cama de San Vicente”. Porén, o proxecto vai máis aló e tamén servirá para instalar sinais indicadores na estrada provincial e para repoñer varios paneis turísticos noutros puntos do territorio.

A subvención cubrirá arredor do 65% dun proxecto que ascende a algo máis de 39.000 euros. Para obter o finanzamento autonómico, o Concello deseñou un programa de actuacións con tres partes ben definidas. A primeira delas -e a que levará a maior parte do orzamento- consiste na reparación dos arredor de 500 metros de camiño que van desde o lugar do Pico até o curuto do monte.

Alí xa se fixeran actuacións no mesmo sentido a finais dos 90 con axudas europeas do PRODER xestionadas por Euroeume. Daquela fixéranse ao longo do trazado dúas rodeiras de cemento entre as que se colocaron celosías prefabricadas do mesmo material e, xusto na zona alta, colocárase un panel informativo e un peche perimetral de travesaños ferroviarios, tan empregados en espazos públicos pola súa resistencia e aspecto rústico ata que foron prohibidos como elemento construtivo.

Porén, o tempo non pasa en balde e, case 20 anos despois, o clima e o tránsito de vehículos e omaquinaria pesada -non só forestal, senón tamén a necesaria para atender as torres de comunicacións que hai no cume- acabaron por estragar a pista de acceso. A solución que se propón agora é substituír os dous carrís de cemento e as celosías por unha caixa de formigón máis resistente que arranque no lugar do Pico e que chegue xusto á explanada superior onde, en vez dese material, se utilizará zahorra compactada e nivelada.

Outro aspecto recollido no plan é a instalación dunha varanda de madeira tratada que rodee a coroa do monte, onde existen dous niveis: a parte chan da explanada e a zona do miradoiro cara ao oeste, desde onde se observa a práctica totalidade do val do Xubia e as terras de Trasancos até o mar. De feito, o Pico de Ferreira é unha atalaia natural que ofrece unha panorámica de 360º da parte baixa dos territorios de San Sadurniño, Moeche e As Somozas e, ademais, é un punto privilexiado para observar as diferenzas xeolóxicas entre o bloque granítico do Forgoselo, o cordal do Carazo e as áreas sedimentarias que se estenden ao norte do concello. De aí que este tamén sexa un dos puntos de visita obrigados dentro da planificación do Proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.

Un lugar cargado de simboloxía
Neste sentido, o da importancia do enclave desde o punto de vista do turismo, as actuacións municipais tamén contemplan colocar un panel informativo que recolla as peculiariedades do monte -xa de por si espectacular pola súa feitura xeolóxica- e datos sobre as tradicións e os vestixios históricos que se conservan nel, o máis importante a “cama de San Vicente”. Un escrito datado no século XI fálanos da presenza en Ferreira de dous templos, un na honra de San Paio e outro adicado a San Vicente. O primeiro está situado no lugar da Seara e é de estilo barroco. No seu interior consérvase a figura dun San Vicente encadeado que, segundo a tradición, fuxía polas noites para irse deitar á súa “cama” no alto do pico que leva o seu nome.

A lenda debe ter fundamento histórico, habida conta de que no pico houbo algún tipo de construción cristiá -quizais ese templo na honra de San Vicente- da que hoxe queda como vestixio unha tumba antropomorfa -a famosa cama do santo- cavada na rocha e cunha pía na cabeceira. Crese que o Pico de Ferreira foi lugar de culto pagán desde antes da cristianización e, ata épocas relativamente recentes, sitio ao que ir para curar doenzas de persoas e animais.

Descubrirlle ao visitante ese pasado histórico e cultural xunto co coñecemento asociado ao proxecto do xeoparque serán dúas das finalidades do panel informativo que se colocará na zona máis elevada do pico, complementando o que xa existe xusto no camiño de acceso. Ademais, a memoria deseñada polo Concello -cun importe superior aos 39.000 euros- tamén recolle a instalación de sinais indicadores para chegar ao pico, un ao pé da estrada provincial DP-7601 e outro no desvío ao enclave.

Dentro do proxecto subvencionado nun 65% por Turismo de Galicia incorporouse a reposición de paneis noutros lugares, como o Pazo da Marquesa, o Convento do Rosario, o Paseo fluvial do Xubia, a ruta do Aceiteiro, a Fonte de San Roque e a área recreativa do Camiño Grande, en Igrexafeita. A finalidade desta parte do programa é reparar os puntos de información turística, moi danados polo clima, aproveitando para incorporar datos actualizados como por exemplo aqueles que teñan que ver co coñecemento xeolóxico da zona.

Unha vez recibida a comunicación do finanzamento, desde o Concello sinálase que antes de licitar as obras será necesario obter a autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio. Os traballos deberán estar completados en outubro deste mesmo ano.