Luns 24 de Setembro de 2018

Santa Mariña do Monte adianta a esta fin de semana a celebración da súa patroa


Agora que o verán colleu carreira as festas sucédense polo territorio. San Paio, Santa Isabel, San Cristovo, o Río Castro…e a próxima tócalle a Santa Mariña do Monte, onde honrarán á súa patroa esta fin de semana cun programa de dous días que comeza o sábado xa de mañá. Os festexos adiántanse só uns días con respecto á data oficial dunha santa que, coma outras en Galicia, ten raíces culturais máis aló do Cristianismo. De feito, segundo a teoría do estudoso Rafael Quintía, a nosa Santa Mariña é a asimilación da deusa Navia, da que temos unha interpretación escultórica no paseo fluvial de San Sadurniño, obra do artista Carlos García.

Pero antes de lembrarmos a Navia-Santa Mariña, repasemos o programa das festas da parroquia que empezan o sábado a iso das nove co percorrido dunha agrupación de gaitas pola meirande parte dos lugares.

Cara ás 13.00h. -tanto o sábado coma o domingo- haberá misa seguida de procesión ao redor da igrexa situada en Moimentos. O templo data de entre os séculos IX e XIII habida conta de que hai constancia escrita da existencia da parroquia vencellada nesa época á desaparecida diocese de Iria Flavia. A construción -reformada no século XVIII- presenta varias peculiariedades. A primeira é que ao campanario se accede por unha escaleira exterior -algo que tamén ocorre en Naraío- e a segunda que ten no seu lateral unha cuberta de lousa que puido ter sido empregada como lugar de celebración de culto cando dentro da igrexa houbera un soterramento recente.

Trala procesión do sábado teremos unha sesión vermú animada pola orquestra Hiroshima, que repetirá pola noite durante a verbena acompañada polo Dúo D’Ases, formado por Vanesa Ramil e Macarena Tejada. As dúas actuarán tamén o domingo ao mediodía trala procesión, co que se darán por pechados os festexos de Santa Mariña até mediados de agosto, cando se celebre a Nosa Señora da Esperanza ao pé da capela do mesmo nome.

Navia, de deusa a santa
Segundo a tradición cristiá -e segundo o “Breviario de D. Rodrigo”, datado entre os séculos XII e XIII- Santa Mariña tería nacido en Balcagia (hoxe Baiona) sobre o ano 119, froito dun parto múltiple no que viñeron ao mundo nove nenas. Eran fillas de Lucio Catelio Severo, gobernador romano da Gallaecia e a Lusintania que botaba fóra da casa longas temporadas.

Ante semellante rolada de cativas e temendo que o home a acusase de adulterio, a nai das pequenas, Calsia, mandoulle a unha das súas serventas que as afogase todas no río Miñor. A criada non atendeu e repartiu os bebés entre familias amigas cristiás coma ela. Andando o tempo as nenas convertéronse en mozas, en mozas que profesaban a relixión cristiá, algo que por aquel entón estaba prohibido e perseguido. Nunha destas, as nove foron apreixadas e levadas diante de Lucio Catelio que, ao saber que eran fillas del, ofreceulles unha vida de luxos se renunciaban á relixión na que foran criadas.

Todas as mozas rexeitaron a oferta e foron á cadea. Todas fuxiron dela e, disque, sufriron persecucións. As dúas máis famosas foron Liberata, a quen pillaron e crucificaron no que hoxe é Castelo Branco, en Portugal, mentres que a Mariña a martirizaron en Augas Santas, en Ourense, no ano 139.

“Sufriu as tres mortes: colgárona e non morreu, afogárona e non morreu, queimárona e non morreu… só morreu cando lle cortaron a cabeza e aínda así dixo tres veces “creo, creo, creo”, unha por cada golpe que deu a cabeza no chan, de onde manaron tres fontes”, explicaba hai agora un ano o investigador Rafael Quintía na presentación da figura da deusa prerromana Navia que hai desde aquela no paseo fluvial de San Sadurniño.

O autor do ensaio “Mariña, de deusa a santa” -premiado co Ramón Piñeiro en 2016- defende a teoría de que Santa mariña sexa a cristianización da deusa Navia, unha das máis importantes do panteón galaico anterior á romanización e á cristianización. O autor chegou a esa conclusión a través da comparación da haxiografía… da historia de Santa Mariña, dos seus atributos e do seu simbolismo comparados cos atributos e o simbolismo da deusa Navia; pero tamén analizando outros procesos de cristianización e absorción de deidades pagás que se deron ao longo e ancho de Europa.

Na súa investigación, Rafael Quintía bateu coa falla dun legado escrito que lle axudase a ratificar a súa teoría, apoiada polo tanto no estudo dos pequenos altares conservados, na toponimia e nas coincidencias entre Navia e Santa Mariña. En toda Galicia e parte de Portugal apareceron aras votivas dedicadas a Navia con epígrafes relativos a atributos da deusa ou as virtudes que podía ter. Hai unha relación destas aras con determinados contextos, como por exemplo augas, fontes, cumios montañosos, castros que son patróns de localización do culto, etc., que corresponden tamén con patróns de implantación de Santa Mariña. Unha teoría que se ratifica en San Sadurniño, cunha igrexa de Santa Mariña do Monte, situada no lugar de Moimentos -nome referido aos soterramentos tumulares precristiáns- e unha capela construída no lugar da Fraguela, en Naraío.

Segundo o antropólogo vigués, Navia sería unha grande deusa, tutelar da comunidade, da terra, da fertilidade e mesmo con connotacións vencelladas ao alén. No seu paso a Santa Mariña deuse un proceso de asimilación sobre o que hai información biográfica coincidente episodio por episodio coa vida de Santa Margarida de Antioquía e tamén coa de Santa Bríxida de Irlanda. Elementos que a tradición cristiá tomou da haxiografía de Santa Margarida e que, segundo Quintía, se mesturaron con esquemas mitolóxicos compartidos por todas as culturas do arco Atlántico europeo.