Luns 24 de Setembro de 2018

EVENTOS EN MOECHE PARA OS PRÓXIMOS DÍAS: SLALOM, CINE AO AIRE LIBRE E CHARLA SOBRE NORMATIVA FORESTAL


V Slalom Concello de Moeche
O sábado 14 de xullo o son dos motores e da velocidade volverá asolagar as rúas de San Ramón co gallo da quinta edición do Slalom Concello de Moeche. Trátase dunha das probas máis prestixiosas do calendario automobilístico galego e tamén unha das máis espectaculares por ser a única que discorre por un circuíto urbano. 30 coches e equipos de todo o país participarán nun evento onde a habilidade para trazar sen penalizacións e recuperar o máis rápido posible son claves para o éxito.

Á fronte da organización volve estar a Escudería Moeche, que cada ano dá máis mostras do seu bo facer para que todo saia á perfección e con total seguridade. O Concello colabora con esta entidade cunha achega de 2.500 € por medio dun convenio nominativo. Por outra banda, a área municipal de Servizos tamén se encarga de xestionar elementos necesarios como valados, locais, a presenza dunha motobomba, etc. Desde o departamento de Servizos quérese expresar tamén o agradecemento a Navantia -cede 250 valos de protección- e aos concellos de San Sadurniño, Neda e Valdoviño.
Lembramos que o tráfico estará cortado no centro de San Ramón e no recinto feiral desde a noite deste venres. Hai máis información en www.moeche.gal e na web da organización www.escuderiamoeche.com. Con motivo da proba tamén se suspende o mercado habitual dos sábados pola mañá.
Data: sábado 14 de xullo

Horario: desde as 10.00h. ata as 22.00h.

Lugar: rúas de San Ramón e recinto feiral

Organiza: Escudería Moeche

Noite de cine ao aire libre: “Gru 3: Mi villano favorito”

Sempre é un pracer poder ver unha película en pantalla grande. E se é ao aire libre, o pracer é dobre. Por iso este verán volvemos programar unha proxección nocturna na área recreativa de Soutogrande. A película elixida é “Gru 3: Mi villano favorito”, terceira entrega da serie protagonizada por este “malvado” de grande corazón e os seus inseparables minions.

Nesta nova aventura, Gru enfrontarase ao seu pasado e ao supervilán Bratt, ademais de coñecer ao seu propio irmán xemelgo, Dru. As peripecias sucédense nun filme que gustará a cativería e xente maior, gracias en parte á fantástica escolma de cancións dos 80 da súa banda sonora. O pase forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Data: sábado 14 de xullo

Hora: 21.45h.

Lugar: área recreativa de Soutogrande

Prezo: entrada gratuíta

Charla sobre a nova normativa forestal e de prevención de incendios

A xestión forestal e, máis que nada, os cambios normativos no referido ás faixas de protección e ás comunicacións/autorizacións de corta, son temas que hoxe están en boca da maioría de nós. Sobre todo desde a vaga de lumes que azoutou o país o ano pasado. Neste sentido, a Xunta de Galicia anunciou que vai modificar o Plan forestal e, ademais, que vai exercer as súas competencias no sector con máis celo. De feito, o goberno galego aprobou nos últimos meses unha serie de textos legais que veñen modificar a normativa do sector así como todo o referido a distancias que se deben manter libres de maleza.

Para falar destas cuestións, o Concello organizou unha charla impartida por persoal técnico do Distrito forestal de Ferrol onde se explicarán os cambios legais e se aclararán dúbidas sobre o seu alcance, nomeadamente sobre a responsabilidade da limpeza das parcelas próximas a vivendas, núcleos de poboación e infraestruturas.

Ademais tamén se comentarán os cambios en canto á tramitación das solicitudes e comunicacións de corta. Desde o pasado mes de abril as persoas xurídicas teñen a obriga de facer estas xestións por internet, mentres que os propietarios e propietarias particulares poden seguir pedindo as autorizacións en papel. Con todo, tarde ou cedo ha de ser obrigatorio facelo todo a través da rede e por iso esta charla tamén é interesante para calquera que teña monte e que queira saber por onde tende a tirar a Administración Autonómica.

Data: luns 16 de xullo

Hora: 18.00h.

Lugar: Centro sociocultural Francisco Piñeiro, Abade