Martes 11 de Decembro de 2018

O libro ‘Os Bolechas axudan á terra’ busca familiarizar aos nenos galegos co cambio climático e as súas consecuencias


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou aos rapaces do Clube de San Amaro, aos que lles trasladou unha misión moi importante como é coidar o planeta
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio quere que os nenos galegos se familiaricen co cambio climático e as súas consecuencias; polo que editou o libro Os Bolechas axudan á terra, para a través desta publicación didáctica e adaptada achegar aos máis pequenos da casa a conceptos como a economía circular, as tres erres, a reciclaxe, e o cambio climático.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou esta mañá aos rapaces do Clube de San Amaro, aos que fixo entrega de exemplares que forman parte dunha colección sobre o medio ambiente con seis títulos distintos, cuxas mensaxes se centran no coidado da Terra, a auga, os animais e a xeración de menos lixo.

No caso do libro entregado esta mañá, incídese no feito de como a acción dos humanos está a cambiar o clima do planeta e, o que é máis importante, na necesaria colaboración de todos para que o clima non cambie. Tal e como explicou a conselleira, ponse o foco nos hábitos e actitudes da vida diaria que afectan ao estado do planeta e invita aos máis pequenos a adoptar aqueles que axudan a coidar o planeta.

Beatriz Mato destacou que coñecer a natureza é o primeiro paso para protexela e apostou polo establecemento dunha cadea entre xeracións como unha das medidas para construír un mundo mellor, máis ecolóxico e máis verde. Salientou que para introducir aos máis pequenos neste reto a Consellería de Medio Ambiente está a distribuír entre a Comunidade escolar máis de 80.000 exemplares desta colección, que dun xeito didáctico e divertido explican como coidar a Terra, facer un uso responsable da auga, como coidar aos animais de compañía e como protexer o medio ambiente a través da xeración de menos lixo e a reciclaxe do mesmo.

Citou Os Bolechas coidan a auga, co que se explica a importancia e o ciclo que segue a auga desde que cae do ceo ata que chega ás nosas casas abrindo a billa e trasladan consellos para non malgastala; ou Sultán non ten microchip, un libro sobre os coidados e protección das mascotas, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos na protección e benestar dos cans, gatos e animais de compañía. Explícase que a identificación dos animais de compañía a través do microchip podemos localizalo en caso de perda e ofrecemos información útil para o veterinario no caso de ter que atendelo por unha doenza.

Os tres títulos restantes céntranse na xeración do lixo, como un dos mellores xeitos de axudar á Terra. Así, Como producir menos lixo, Que se bota no contedor amarelo e Que se fai co lixo que chega a Sogama, trasladan conceptos sobre a xeración do lixo, a reciclaxe e no seu tratamento.