Martes 11 de Decembro de 2018

Medio Ambiente agradece ao ‘Hockey Club Liceo’ a súa colaboración para avanzar cara a economía circular a través da reciclaxe de envases


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou un dos talleres para o fomento da recollida selectiva, dentro da iniciativa ‘Galicia Recicla’, posta en marca pola Xunta en colaboración con Ecoembes
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou o agradecemento ao Hockey Club Liceo polo traballo que están levando a cabo para fomentar e avanzar cara a economía circular, a través da reciclaxe de envases nas súas instalacións.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá aos rapaces do Hockey Club Liceo, que participan en accións de recollida selectiva e de fomento da reciclaxe, unha das accións organizadas ao abeiro da iniciativa Galicia Recicla, posta en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración con Ecoembes, e que conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros.

Salientou que grazas á participación e colaboración do clube deportivo instálanse contedores de recollida selectiva nas instalacións, fomentando que todo o mundo tome conciencia de que reciclar correctamente envases nos fogares, nos lugares de traballo… pode supoñer un beneficio enorme para o medio ambiente.

O obxectivo deste tipo de iniciativas é promover o tránsito cara a economía circular a través da reciclaxe de envases en Galicia e en España, e dar cumprimento aos compromisos e obrigas fixadas para o ano 2021 en relación coa recollida selectiva de envases en Galicia; ao tempo que se impulsa a economía circular na Comunidade. Aclarou que, segundo o Estudo de Hábitos de Reciclaxe dos Españois encargado por Ecoembes, as familias galegas contan cunha media de 2,6 cubos para poder levar a cabo este labor de separación na casa.