Venres 19 de Outubro de 2018

Teatro, xeoloxía, mercado, madeira… e resina para unha intensa fin de semana en Moeche


As previsións informativas para a fin de semana en Moeche teñen catro referencias principais que se estenden desde o serán deste venres até a mañá do domingo. No castelo proseguen as visitas teatralizadas á fortaleza conducidas polos Quinquilláns, o sábado temos de novo Mercado -que nesta ocasión coincide co aniversario da asociación forestal PromaMoeche- e o domingo 10 persoas que xa formalizaron a súa inscrición poderán entrar na Mina Piquito na compaña do xeólogo Francisco Canosa, dentro da programación de xeorutas organizadas polo Concello durante o verán.

Para o paseo xeolóxico polo interior da mina do domingo ás 10.00h. xa non hai prazas dispoñibles, pero quen teña interese en descubrir todo o que garda terá unha nova oportunidade de facelo o día 28 de xullo, ou ben os días 5, 18 e 26 de agosto e 1 de setembro, datas para as que están postas as seguintes visitas polo derradeiro xacemento subterráneo de cobre que se pechou en Galicia. Por cuestións de seguridade e de aproveitamento da xeoruta, o Concello fixou un cupo máximo de 10 prazas que para esta primeira visita do verán a Mina Piquito non tardaron en cubrirse. Uns días antes das seguintes volverá abrirse o período de reserva a través da web rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com ou chamando ao Concello -981 404 006-. O custe desta viaxe ao noso pasado xeolóxico son 10€ por persoa e para participar hai que ter máis de 11 anos.

Para o que aínda hai prazas dispoñibles é para a visita teatralizada ao castelo “A porta aberta do Castelo de Moeche”, onde Lucho Penabade e Tero Rodríguez se meten na pel de dous cómicos que nos convidan a percorrer todas as estancias e historias dunha fortaleza abandonada trala segunda Guerra Irmandiña. A peza turístico-escénica represéntase todos os venres dos meses de xullo e agosto a partir das 21.00h., cun prezo xeral da entrada de 3€, ao que se lle aplica un desconto do 50% no caso da rapazada, as persoas maiores de 65 anos e as posuidoras do Carné Xove. Os pases hai que reservalos chamando antes ao Concello -981 404 006- e retiralos no interior do castelo ata media hora antes do comezo da función, que arranca á porta mesma do recinto.

O terceiro referente da fin de semana témolo este sábado no Mercado de Moeche. Desde as 10 da mañá alí poderemos atopar produtos alimentarios -queixos, froita, verdura, pan, embutido…-, artesanía e peixes e mariscos da máxima frescura. Ademais, o recinto acollerá a partir do mediodía un encontro de confraternidade entre a Asociación de Produtores de Madeira de Moeche -PromaMoeche- e a Asociación de Produtores forestais de Ferrol, que celebran cun xantar os seus respectivos aniversarios. Aproveitando a ocasión, o mercado acollerá a partir das 11.00h. unha charla impartida pola asociación Casa do Mel de Goente na que se falará sobre a produción de mel e sobre a problemática da avespa asiática.

Antes do xantar tamén haberá unha sesión técnica centrada na produción madeireira e durante boa parte da xornada poderemos ver ao vivo o oficio milenario da extracción de resina, que nos últimos tempos cobrou nova forza por mor dos altos prezos que acada este subproduto da actividade madeireira.