Mércores 15 de Agosto de 2018

A Deputación licita por 28.000 euros as obras de acondicionamento do entorno das Torres de Altamira en Brión


O prazo para a presentación de proposicións remata o día 3 de agosto

A Deputación da Coruña licita por 28.792,43 euros as obras de acondicionamento que se levarán a cabo no entorno das Torres de Altamira en Brión.

Estas actuacións teñen por obxecto realizar os traballos de mantemento das zonas verdes e dos elementos de seguridade existentes na contorna das torres, así como o mantemento dos restos pétreos, muros ou basamentos que se manteñen en pe.

As obras previstas consistirán no desbroce e limpeza da parcela, incluíndo limpeza de herba, retirada de refugallos e de elementos alleos á contorna, e o lavado de muros de pedra por medios manuais, con cepillos de cerda natural e xabóns neutros, seguindo así as indicacións realizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Tamén está prevista a retirada, o traslado e o acopio das pedras diseminadas pola parcela, que afectan ao tránsito dos visitantes e á súa seguridade, e o mantemento e execución de varandas de protección, para evitar caídas a niveis inferiores ou por taludes laterais, así como a revisión das zonas perigosas como son o pozo e o torreón.

A presentación das proposicións poderanse realizar no correo patrimonio.contratacion@dacoruna.gal ata o día 3 de agosto