Venres 16 de Abril de 2021

A veciñanza encheu as rúas e prazas de Compostela no Apóstolo das Mulleres


A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, fixo balance esta mañá das festas do Apóstolo, polas que pasaron preto de 80.000 persoas nos 13 días de festexos. Tal e como sinalou a edila, «este Apóstolo das Mulleres veu marcado pola alta participación, a aposta unha vez máis pola descentralización dos espazos, pola variada oferta para todos os públicos e pola combinación entre grandes nomes e músicos e músicas da nosa cidade».

As festas do Apóstolo deste ano tiveron unha importante presenza feminina, con grandes nomes encima do escenario e cunha muller, a actriz compostelá Nerea Barros, como pregoeira. Ata o Obradoiro achegáronse máis de 2.000 persoas a noite do pregón, que gozaron tamén do concerto de Bette Smith. O Concello continuou apostando por feminizar as festas, mantendo o concerto de Compostela, Territorio das Mulleres na praza 8 de Marzo, coa presenza de arredor de 2.000 persoas para ver as actuacións de MonQup, Rapariga DJ e Batuko Tabanka. Nestas festas tamén se habilitou un Punto Lila de información e atención sobre violencias machistas durante as festas, no que se repartiron preto de 10.000 dípticos e se realizaron 2.500 consultas.

Este ano continuaron a consolidarse as propostas locais de grupos da cidade grazas ao ciclo Compostela é! Música do Toural, posto en marcha nas festas da Ascensión do pasado ano. Pola praza achegáronse arredor de 4.500 persoas entre o escenario dos grupos locais da cidade e o resto da programación. A rapazada tamén gozou abondo grazas á Feira na eira, a fin de semana do 28 e 29 de xullo. Celebrada no parque de Galeras, contou coa presenza de arredor de 2.000 persoas. Tamén dentro da oferta infantil, o Circompostela ou La Nórdika reuniron a 700 persoas.

Cheos na Quintana
A praza da Quintana acolleu unha gran diversidade de grupos e estilos musicais, «dende o hard rock de Wolfmother, pasando polos ritmos latinos de Rubén Blades, o flamenco fusión de Rosalía ou Mala Rodríguez, o folclore galego coas xornadas de folk e a presenza de agrupacións como Cantigas, Brincadeira e Ultreia».

Ademais, ata a popular praza achegáronse máis de 50.000 persoas en todas as festas, destacando os cheos de Rubén Blades, Rosalía ou Wolfmother, concertos aos que asistiron 5.000 persoas. Noutros concertos como Mala Rodríguez, Ogun Afrobeat + Timbila Muzimba, Mercedes Peón ou Dub INC, o aforo estivo preto do cheo total con 4.000 asistentes.

Compostela é! Música
A praza do Toural volveu ser o foco das bandas e grupos locais, cunha estimación de asistencia de 4.500 persoas nos sete concertos programados. Tamén se fixo un importante esforzo na captación de público mozo coas cinco orquestras do Paseo Central da Alameda, ao que se achegaron arredor de 9.000 persoas.

A Banda Municipal de Música congregou en Praterías a 1.500 persoas e a Real Filharmonía con Summrá no Obradoiro a máis de 3.000. Tamén tivo grande éxito de público o Serán de Hip Hop, con 1.500 persoas, ou as visitas guiadas con Valle-Inclán e Rosalía, que contaron co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e coa colaboración de Abanca, cunha afluencia de 750 persoas.

Finalmente, cómpre destacar as 300 persoas que asistiron ao programa ONDA no Centro Cívico do Romaño ou as case 500 que gozaron das sesións vermú programadas. En definitiva, a concelleira de Acción Cultural amosou a súa satisfacción por unhas festas participadas e dirixidas a todos os públicos.