Martes 11 de Decembro de 2018

Empezan as celebracións da malla de Ardemil


Os actos arrancan esta noite co reparto de touciño entrefebrado e música. A festa, que se estende a toda a fin de semana, inclúe xantares populares, bailes, feiras de antigüidades e exposicións de coches, motos e tractores

Un ano máis a parroquia de Ardemil convida a todas e todos os que o desexen a desfrutar da súa tradicional malla. Unha celebración organizada pola Asociación Cultural Castro da Croa en colaboración co Concello de Ordes e varias empresas da zona, a cal dará comezo hoxe e se estenderá durante a fin de semana.
Esta noite, a partir das 22 horas, repartirase de balde touciño entrefebrado entre as persoas asistentes, que ademais poderán botar máis dunha baila ao son do cantante Mario.
Mañá sábado, ás 12 horas, dará comezo a xornada principal na que o público poderá contemplar e revivir a malla. Tamén haberá feira de antigüidades e unha ampla exposición de tractores, coches, motos, motores e apeiros doutras épocas. Festeiros e visitantes poderán adquirir e sorprenderse con outros obxectos como pías, adornos, mobles, farrapos etc, moitos deles con máis dun século ás súas costas. O ‘Dúo Suso’ e un grupo de gaitas porán a nota musical a esta xornada na que tamén haberá un gran xantar popular. Para levalo a cabo instalaranse carpas onde se servirá xamón asado.
Xa para poñer punto e final o domingo, tal e como é costume, a partir das 12 horas haberá unha gran concentración de tractores antigos, os cales realizarán un percorrido pola zona.