Martes 11 de Decembro de 2018

Medio Rural aproba as bases da reestruturación parcelaria de Fisteus, no concello de Curtis


Trátase da reorganización territorial máis grande levada a cabo en Galicia, con preto de 4.000 hectáreas

A Consellería do Medio Rural vén de aprobar as bases da reestruturación parcelaria de Fisteus, no concello de Curtis. Este paso implica un novo avance no proceso, despois de rematar todos os trámites relativos á identificación dos propietarios, á determinación exacta da superficie e á clasificación das terras.

Así, en breve comezarán as obras de execución da rede de camiños, xa contratadas por case 2,3 millóns de euros. Falamos de máis de 55 quilómetros dos que 2,3 estarán asfaltados e 52,9 serán de saburra. Ademais, súmanse a esta estrutura os quilómetros de aproveitamento de rede viaria existente: 18,6 km de estradas nacionais e provinciais e 59 km de estradas municipais. O prazo de execución dos traballos que están a piques de comezar é de 18 meses.

Xa está contratada tamén a elaboración do acordo e os marcos por 412.600 euros para definir os novos predios. Este orzamento súmase aos 901.779 euros destinados ás asistencias técnicas e aos 2,3 millóns das obras de camiños. Polo tanto, xa se levan investidos máis de 3,6 millóns de euros nestes proceso de reorganización territorial, o máis grande que se levou nunca a cabo en Galicia. En concreto, esta parcelaria ten unha superficie de 3.938 hectáreas e 9.921 parcelas pertencentes a 1.062 titulares e será a primeira que se execute no concello de Curtis.