Sábado 26 de Maio de 2018

O secretario xeral para o Deporte participou na IX Gala do Deporte Concello de Ames


Lete Lasa subliña a contribución dos deportistas ao crecemento de Galicia e ao fortalecemento da confianza en si mesma

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asegurou que Galicia crece a través dos seus deportistas e salientou a súa achega “a unha Galicia mellor, máis confiada en si mesma e no seu futuro”.

Así o manifestou na súa intervención na IX Gala do Deporte Concello de Ames celebrada na Casa da Cultura do Milladoiro, onde felicitou aos deportistas e entidades premiados sinalando que a súa actitude de esforzo e iniciativa nas súas traxectorias deportivas fai deles “a mellor mostra de que unha persoa e un país pode converterse naquilo que cree ser”.

O titular de Deportes quixo así mesmo expresar o seu recoñecemento ao Concello de Ames e ás entidades deportivas locais polo traballo na promoción da actividade física e deportiva, e no reto de dar resposta á súa crecente demanda, nunha das localidades que máis crece en Galicia e cun dos índices máis altos de poboación xuvenil.

“Quero destacar especialmente a puxanza de tantos eventos deportivos, o labor das escolas municipais e o impulso ao deporte base, ao traballo coa mocidade e á promoción do deporte feminino”, indicou, engadindo que esta dedicación “ten os seus froitos seguros, como ben o amosan os premiados hoxe, e nela sempre atoparedes o apoio do goberno galego”.

Aos premiados pediulles que sigan a contaxiar a súa actitude exemplar “entre os vosos veciños, en toda Galicia e alí onde o deporte e a vida vos leven”.

Oito galardóns
Nesta novena edición da Gala do Deporte, na que actuou como padriño o xogador do Obradoiro CAB Oriol Junyent e coa que o Concello de Ames recoñeceu a traxectoria dos deportistas e clubs deportivos locais máis destacados do ano, fíxose entrega de oito galardóns a figuras do fútbol, piragüismo, tenis, atletismo e motocross.

A futbolista Yaiza Otero recibiu o premio á deportista máis destacada do ano polo seu traballo como xogadora de Primeira División feminina de fútbol sala no Amarelle FSF, mentres que o galardón ao deportista máis destacado dun club de Ames foi para a piragüista do Ribeiras do Tambre Irene Mirás, subcampioa de España de pista en k-1 500 metros e medalla de bronce na categoría sub-17 no k-n 5.000 metros no Campionato de España de Inverno.

O Bertamiráns FC foi recoñecido como o club deportivo máis destacado. Na pasada temporada conseguiu a permanencia en Terceira División e conta con máis de 400 deportistas repartidos nos máis de 25 equipos de fútbol sala, fútbol-8 e fútbol-11.

Os premios para as promesas feminina e masculina recaeron na tenista Celia Montero, do club local Asociación cultural-deportiva Aldea Nova, campioa galega infantil e cadete, e en Daniel Mato, atleta do Club Millaraio, campión galego de 2000 metros lisos ao aire libre, entre outros logros.

Fernando Seoane, centrocampista do CD Lugo da Segunda División dende o ano 2012, foi premiado como deportista masculino máis destacado.

Así mesmo, houbo un recoñecemento especial para José Manuel García Moure, presidente fundador do Motoclub Ameixenda e artífice do circuíto de supercross “Álex de Moure” na localidade, así como para a Cafetería Tropic Burguer, en Bertamiráns, pola súa colaboración con clubs e eventos deportivos locais.