Martes 20 de Novembro de 2018

Medio rural cede tres parcelas aos concellos de Baleira e Coirós para mellorar a calidade de vida dos seus veciños


Estas parcelas eran propiedade do Banco de Terras de Galicia e, como teñen interese comunitario, propúxose en Consello da Xunta a súa cesión aos municipios correspondentes

A Consellería do Medio Rural vén de cederlle ao concello coruñés de Coirós e ao lugués de Baleira unhas parcelas propiedade do Banco de Terras de Galicia para que poidan desenvolver infraestruturas de interese común, cumprindo así coas demandas dos veciños destas zonas e mellorar así a calidade de vida dos habitantes do rural.

Logo da aprobación da Lei de Mobilidade de Terras, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez estableceu un mecanismo para a cesión gratuíta aos concellos de parcelas propiedade da entidade xestora do Banco de Terras cun interese social determinado para os veciños. Desta forma dótase aos municipios de predios que poden beneficiar aos seus veciños e, de paso, regularízase o patrimonio da Xunta.

Neste momento estase a estudar a cesión de arredor de duascentas parcelas con diferentes tipoloxías (espazos de lecer, depuradoras, infraestruturas de rega e abastecemento de augas,…), unha vez rematado o procedemento de recoñecemento de titularidade a concellos ao abeiro da Lei de Concentración Parcelaria.

Neste caso, o concello de Coirós recibe un predio de 430 metros cadrados que será empregado para construír un aparcadoiro público e, de paso, mellorar viarios adxuntos. No caso de Baleira, son dúas as parcelas que se lles cede a este concello. A primeira, de 1.209 metros cadrados, converterase nun punto centralizado para a recollida de plásticos de silo, co fin de ter localizado e facilitar a retirada deste material. A segunda parcela, de 1.736 metros cadrados, será para a construción dunha estación depuradora de augas residuais

Todas estas parcelas están localizadas en masas de concentración parcelaria, aportadas polos propios veciños durante os correspondentes procesos de concentración parcelaria. Desta forma, ao reverter a súa propiedade nos concellos, pódense empregar estes terreos en beneficio da veciñanza, mellorando así a calidade de vida dos habitantes do medio rural ao poder desfrutar de melloras estruturais no seu entorno.