Xoves 20 de Setembro de 2018

Máis de 400 persoas participaron nunha nova edición da Noite Velada organizada polo Concello de Boqueixón


Máis de 300 candeas e fachos iluminaron a histórica ponte que une os municipios de Boqueixón e Vila de Cruces

Máis de 400 persoas participaron o pasado venres nunha nova edición da Noite Velada, organizada polo Concello de Boqueixón en Ponte Ledesma. A histórica ponte que une este municipio co veciño de Vila de Cruces iluminouse con máis de 300 candeas e fachos envolvendo á área do Campo do Río dun máxico ambiente.

Para complementar esta singular iluminación, a Noite Velada contou con tres actuacións musicais que fixeron as delicias das persoas asistentes. Son de Gaita, Muxicas da Silveira e Pelepau foron os principais protagonistas dunha agradable noite a carón do río Ulla. Estas actuacións complementáronse coa posta en escena do tradicional conxuro da queimada para despois ofrecer unha degustación gratuíta a todos os participantes nas actividades.

Dende o Concello de Boqueixón amósanse moi satisfeitos coa excelente resposta que tivo esta actividade. Ao mesmo tempo, agardan que a Noite Velada continúe nos próximos anos, xa que se trata dunha proposta diferente que pon en valor a riqueza patrimonial e cultural de Ponte Ledesma.