Luns 19 de Novembro de 2018

Marta Míguez participa na clausura da Liga Galega de Traiñeiras que cada ano se supera en “participación, emoción, éxito e público”


Enumera algúns feitos que fixeron especial esta edición de 2018 como o aumento do importe do convenio coa Secretaría Xeral, o récord de participación, a estrea da nova directiva da Asociación da Liga Noroeste, as retransmisións das regatas en directo por redes sociais e porque por primeira vez a Liga Galega de Traiñeiras conclúe no Porto de Ares

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na XI Bandeira e a I Bandeira feminina do Concello de Ares que coincidiu coa clausura da Liga Galega de Traiñeiras tras 14 xornadas. No Porto de Ares, a titular do departamento de Deportes salientou que “cada ano a Liga Galega de Traiñeiras supérase en participación, en emoción, en éxito e tamén en público, porque cada vez é maior o número de curiosos e espectadores que se achegan aos portos de Galicia para ver esta incrible manifestación dun dos nosos deportes máis tradicionais”.

Na súa intervención, a secretaria xeral enumerou algúns feitos que fixeron especial esta edición de 2018 que vén de concluír como que “este ano aumentou o importe do convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte nun 12,5% ata chegar aos 90.000 euros”; que foi “a Liga máis numerosa en canto a participantes con 26 clubs inscritos e que amosa o excelente estado de saúde que atravesa o remo en Galicia”; que neste ano estreouse a nova directiva da Asociación da Liga Noroeste; que foi a primeira vez que se fixeron retransmisións das regatas en directo por redes sociais e porque por primeira vez a Liga Galega de Traiñeiras “chega á súa fin neste marabilloso Porto de Ares”.

Marta Míguez felicitou aos gañadores das tres clasificacións -Liga A, Liga B e Liga feminina- e desexou que na edición de 2019 “poidamos volver a falar de novo da edición máis numerosa da Liga Galega de Traiñeiras” polo que animou tamén ás mulleres, que suman o 30% das licencias federativas de remo, a practicar cada vez máis este deporte.