Sábado 15 de Decembro de 2018

A Coruña será en 2016 a sede da fase final da 80ª Copa do Rei de baloncesto


A Asemblea Xeral Ordinaria da ACB aprobou a volta do torneo a Galicia 23 anos despois

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou que A Coruña foi elixida como sede da fase final da 80ª Copa de S. M. o Rei da ACB da tempada 2015 -2016 pola Asemblea Xeral Ordinaria da ACB que aprobou que o torneo regrese a Galicia 23 anos despois, cumprindo co obxectivo do Concello de que a cidade albergue outro grande evento e estreitar aínda máis os seus lazos con este deporte que tantos afeccionados ten na cidade.
A fase final consta de sete partidos: catro de cuartos de final, dous de semifinais e o partido da final; o que supón que a sede organizadora acolle aos oito mellores equipos da ACB e A Coruña afiánzase como referente do noroeste español no mundo do deporte.
O alcalde destacou os “fortes lazos” que unen á cidade con este deporte e sinalou que ser a sede da fase final da Copa do Rei supón achegar o baloncesto ao maior número de persoas e así fomentar o deporte entre os máis pequenos: “É un luxo e unha oportunidade única, non só o poder gozar do mellor baloncesto, senón tamén para o fomento dos valores sociais, culturais e educativos que este deporte inculca entre os cidadáns”, recalcou Carlos Negreira, quen recordou que desa unión da cidade co baloncesto naceu o convenio polo cal A Coruña foi designada pola Federación Española do Baloncesto como Cidade Asociada ao Mundobasket 2014, polo que foi a primeira urbe da Ruta Ñ-14 e a única da cornixa cantábrica que puido gozar da selección dentro da súa xira de preparación de cara ao Campionato do Mundo.
Pola súa banda, Francisco Roca, presidente executivo da ACB, valorou como “unha gran noticia que Galicia e A Coruña volvan gozar da fase final da Copa do Rei máis de dúas décadas despois”. O dirixente valora “de forma moi importante a expansión da marca e acudir a cidades e comunidades que non puideran vivir unha Copa do Rei en moito tempo”.
Este evento supón un retorno económico “único” para a cidade e de xeito especial para o pequeno comercio, a hostalaría e hotelería, xa que se calcula un impacto económico de máis de 20 millóns de euros. O gasto medio diario por afeccionado rolda os 200 euros para os residentes e os preto de mil euros para os que acudan doutros lugares de España. Ademais, o gasto directo de patrocinadores e colaboradores participantes no evento alcanza o millón de euros.
A Copa do Rei retransmítese, ademais, en máis de 100 países dos catro continentes e logra unha audiencia acumulada de 10 millóns de espectadores.