Sábado 18 de Agosto de 2018

A representación de “O país dos mandóns” reúne a un cento de veciños e veciñas de Oroso contra a violencia de xénero


Máis dun centenar de veciños e veciñas de Oroso, especialmente familias con cativos e cativas, ateigaron o centro cultural de Sigüeiro para asistiren na tarde de onte venres á representación da obra “O país dos mandóns”. Unha iniciativa coa que o Concello de Oroso pecha o seu intenso programa de actividades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A concelleira de Muller, María del Carmen Liste, deu lectura ao manifesto contra a violencia de xénero aprobado por unanimidade polo pleno municipal o pasado xoves e manifestou o compromiso do Concello de Oroso “na loita contra esta lacra social, así como o noso esforzo en traballar intensamente cos máis novos e novas durante o seu proceso educativo en igualdade”.

“O país dos mandóns” é unha obra de Ghazafellos sobre o machismo e a igualdade de xénero desde un punto de vista moi próximo aos máis pequenos da casa, pois utiliza unha linguaxe moi sinxela e facilmente comprensible polo público infantil. O espectáculo foi organizado polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña.