Xoves 20 de Setembro de 2018

Feijóo destaca que o Campus de Ferrol será pioneiro na estratexia de fomento dos graos duais, coa introdución no vindeiro curso do grao dual de enxeñaría eléctrica


Reitera o obxectivo de que a finais do ano próximo estea rematada a seguinte fase da adecuación do mapa de titulacións: o mapa completo e actualizado de perfís profesionais do futuro para Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o campus de Ferrol será pioneiro na estratexia de fomento dos graos duais, coa introdución no curso 2019/20 do grao dual en Enxeñaría Eléctrica. E reiterou ademais o obxectivo de que, a finais do ano próximo, estea rematado a seguinte fase da adecuación do mapa de titulacións: o mapa completo e actualizado de perfís profesionais do futuro para Galicia.

Durante o acto de apertura oficial do curso universitario 2018/19, Feijóo subliñou a mellora do mapa de titulacións recordando a creación de 14 novos títulos ata 2021 para dar resposta ás demandas do tecido produtivo galego.

Nesta mesma liña, precisou que neste curso 2018/19 entran en vigor 5 novos graos: na Universidade de Santiago, Biotecnoloxía e Criminoloxía; na Universidade da Coruña, Xestión Industrial da Moda; na Universidade de Vigo, Enxeñería Biomédica; e o grao de Paisaxe, único no sistema público español e o primeiro que ten carácter interuniversitario, coa participación de Santiago e A Coruña.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta referiuse tamén a outras iniciativas como: o Plan de excelencia universitaria, que premia o esforzo, a dedicación e o talento de docentes, persoal administrativo e alumnado; as bolsas Concepción Arenal que, dotadas con 1000 euros cada unha, serán convocadas por primeira vez este ano para distinguir os tres mellores expedientes dos tres primeiros cursos de cada grao, cunhas cualificacións superiores a 8,5 ou de 7,5 no caso das enxeñarías; ou o complemento retributivo autonómico, que recoñece o profesorado que realice accións de transferencia de coñecemento á sociedade.

“Todos eles son fitos que nos adiantan ao futuro”, aseverou, referíndose tamén ás taxas de matrícula máis accesibles de España e que agora se estenden igualmente aos másteres habilitantes.

Así mesmo, Feijóo salientou que as incertezas se reducen con plans sustentados nun Plan de financiamento que garante a suficiencia financeira do Sistema Universitario Galego no período 2016/20 e que deseña un marco de crecemento do financiamento público do 18%.

Ao respecto, precisou que se ben en 2018 as universidades galegas están a recibir por transferencias directas do devandito plan un total de 421 millóns de euros, este esforzo do conxunto do país non impide que siga sendo necesaria a diversificación das fontes de financiamento.

Orgullo, admiración e confianza
Como proba dos froitos deste esforzo conxunto, Feijóo remarcou que: “O 60% do persoal investigador de Galicia é universitario. Somos a cuarta comunidade española con mellor investigación universitaria, de acordo coa clasificación da Fundación Conocimiento y Desarrollo. E estanse a crear contornas atractivas para o desenvolvemento da actividade científica e sólidos vencellos co mundo empresarial, en liña coas recomendacións do Consello Europeo, incluídas nas recomendacións a España en 2016”, engadiu, incidindo en que os galegos temos razóns dabondo para sentir orgullo, admiración e confianza cando valoramos a nosa Universidade.

Logo de enxalzar a capacidade demostrada pola institución para o cambio -un cambio que é correlativo coa evolución da sociedade galega- e para afrontar o futuro, reflectida nos novos formatos, plans e iniciativas, Feijóo referiuse ao edificio Fontán da Cidade da Cultura, futuro albergue do recentemente constituído Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.
O presidente da Xunta concluíu recordando que “o consorcio culmina o espírito de cooperación entre as universidades galegas; a axencia garante a súa excelencia; e o Centro Europeo fala do noso desexo de ser unha referencia internacional”.

Deja un comentario