Luns 09 de Decembro de 2019

A Mancomunidade de Ordes pon en marcha o II Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres da Comarca


No pleno de setembro tamén se acordou a solicitude de axudas para a promoción do emprego, ademais da aprobación da conta xeral

O II Plan para a Igualdade entre Homes e Mulleres da Comarca de Ordes xa conta coa aprobación dos membros da Mancomunidade. Así se corroborou tras a sesión plenaria correspondente ao mes de setembro, na que os sete representantes dos municipios que compoñen o ente o acordaron así de maneira unánime.
Cun período de vixencia de cinco anos, o dito plan preséntase como un instrumento de referencia no seu ámbito de actuación, co fin de poder propiciar modelos máis igualitarios en base a principios reitores básicos como a atención á diversidade, a xustiza social, a innovación, a perspectiva de xénero e a transversalidade. O dito plan pretende ser inxerido dentro das actuacións políticas sociais e de igualdade, ademais de servir de reforzo contra a fenda de xénero que frea o benestar individual e social en materia de equidade. Concretamente aplicarase en oito áreas de actuación: Políticas e accións municipais, educación en valores, xestión do traballo e dos tempos, emprego e innovación, liderado e igualdade na participación, calidade de vida e benestar, sensibilización e prevención na violencia de xénero, así como a intervención e o tratamento desta problemática.
Outro dos aspectos acordados durante este último pleno foi a solicitude dunha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria destinada á promoción e ao fomento do emprego na comarca mediante a contratación dun axente profesional. Unha achega a través da cal se sufragaría o 25% dos gastos da súa contratación.
Ademais de todo isto tamén se aprobou definitivamente a conta xeral 2017.